A Consellería de Educación apoia a XI edición de ‘Ciencia en Acción’ onde se escollerán os mellores proxectos científico-tecnolóxicos galegos

O acto, que terá lugar do 1 ao 3 de outubro, está dirixido a profesores, investigadores e divulgadores da comunidade científica e ten por obxectivo promover proxectos galegos entre os países de fala hispana e portuguesa

Ven, 24/09/2010 - 18:43

A Consellería de Educación apoia a XI edición do certame de Ciencia en Acción no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Durante o acto de presentación a Xunta estivo representada coa presenza do director xeral de Educación, José Luis Mira. O encontro, que terá lugar no centro santiagués do 1 ao 3 de outubro, ten como principal obxectivo a divulgación de proxectos galegos destas disciplinas entre a comunidade científica de países de fala hispana e portuguesa.

O certame pretende achegar a ciencia a todos os asistentes dun xeito atractivo e innovador tal e como lembrou o director xeral ao sinalar que “con esta iniciativa e as accións e promocións derivadas dela, quérese contribuír ao avance na senda da procura de ideas innovadoras que fagan a ciencia máis atractiva para a cidadanía e tamén mostrar a súa importancia para o progreso da sociedade e o benestar dos cidadáns”.

As actividades

A programación está dividida en diferentes categorías para dar cabida ao abanico de aspectos científicos tanto para maiores como pequenos. No concurso ‘Ciencia en Acción’ participan profesores, investigadores, e divulgadores científicos así como calquera persoa interesada na ensinanza da ciencia de fala hispana ou portuguesa. Os máis pequenos tamén teñen reservado o seu tempo no apartado ‘Adopta unha Estrela’, no que os participantes realizarán unha labor de difusión da astronomía dirixidos por un profesor.

Ademais o certame ten programadas diferentes actividades para os asistentes como conferencias, curtametraxes científicas, demostracións experimentais e representacións teatrais.

Os esforzos do XI Certame de Ciencia en Acción encamíñanse a innovar as técnicas de divulgación científica que fagan máis atractiva estas disciplinas a todos os cidadáns. Así, o director xeral de Educación, destacou os logros dos alumnos, profesores e investigadores galegos na súa activa participación nesta edición con especial mención aos seleccionados pola comisión do Xurado como premiados nas distintas modalidades. Os premiados neste certame participarán no europeo, que terá lugar en Copenhague. Así, o director xeral animou aos membros das comunidade educativas dos centros educativos de Galicia a visitar os proxectos e ideas que se van a expor do 1 ao 3 de outubro.

Menús News node R