A Consellería de Cultura e Educación convoca os premios extraordinarios de bacharelato do curso 2014/15

Un total de 20 alumnos e alumnas galegos recibirán estas axudas

Este galardón pretende valorar o esforzo e a dedicación dos estudantes que cursaron, cun excelente aproveitamento, estas ensinanzas posobrigatorias no sistema educativo galego

Xov, 11/06/2015 - 11:17

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2014-2015 para o alumnado que finalizase os estudos neste ano académico nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os galardóns supoñen o recoñecemento do esforzo e a dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, algunha das modalidades de bacharelato no sistema educativo galego. Ao mesmo tempo, son un premio á superación e á responsabilidade persoal do estudante, na procura de estimular estes comportamentos excepcionais en aras de incrementar a excelencia académica.

Os requisitos

Os aspirantes deben ter rematados os estudos de bacharelato no curso 2014-2015 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha nota media igual ou superior a 8,75. Esta será a media aritmética de todas as materias, coa excepción de relixión que non computará. E, por último, non poderán estar incursos en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e deberán de presentarse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Os premios

Cada un dos recoñecementos está dotado cunha contía de 1.000€ e coa exención do pagamento dos prezos públicos polos servizos académicos no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público, segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2015-2016. Ademais desta axuda económica, o alumnado premiado recibirá un diploma acreditativo.

A orde pode consultarse no enderezo web:

http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150611/AnuncioG0164-040615-0005_gl.html