Ata 164 docentes poderán acceder as licenzas por formación convocadas pola Consellería de Cultura e Educación para o curso 2015/2016

Os solicitantes, que teñen un mes de prazo para presentarse, aspirarán a un total de seis modalidades

Mar, 16/06/2015 - 18:00

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se convocan licenzas por formación para o curso 2015/2016 destinadas ao funcionariado docente non universitario. Ata un total de 164 profesores e profesoras poderán acceder a estas licenzas, que teñen como obxectivo favorecer a actualización de coñecementos en prol da innovación e da mellora da calidade do ensino galego.O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria do DOG.

Modalidades

Convócanse un total de seis modalidades de licenzas, que van dende proxectos individuais ou grupos de traballo (de dous ou tres membros) para a creación de materias curriculares dixitais para primaria e secundaria e atención á diversidade, ata grupos de traballo para a elaboración ou adaptación de materiais curriculares plurilingües para as ensinanzas de formación profesional. Tamén se inclúe o perfeccionamento en linguas estranxeiras no  exterior, dirixida preferentemente ao profesorado non especialista de ensino primario e secundario e formación profesional.

Os solicitantes deberán cubrir a solicitude oficial, acompañada do proxecto de estudos ou de traballo de investigación que se pretenda realizar durante o período de licenza e da documentación específica para cada modalidade requirida na convocatoria.

Os detalles da orde poden consultarse na seguinte dirección: /portal/node/15009