A Consellería de Cultura e Educación convoca os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria do curso 2014/15

Un total de 20 alumnos e alumnas galegos recibirán estas axudas

Estes galardóns pretenden recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico a educación secundaria obrigatoria na comunidade galega

Mar, 07/07/2015 - 10:52

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria. Os galardóns recaerán nos 20 mellores estudantes e estarán dotados, cada un deles, dunha achega de 750€.

O fin último destas axudas é recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico a educación secundaria obrigatoria en Galicia. Ao mesmo tempo, queren fomentar entre os estudantes a cultura do esforzo no estudo; estimulando aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo como son a excelencia, a equidade, a igualdade de oportunidades e as posibilidades de desenvolvemento persoal.

Requisitos

Os aspirantes deben ter cursado durante o ano académico 2014/15 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria (ESO) no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia, estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en ESO, ter unha media das cualificacións igual ou superior a 9,00 puntos (non computará a materia de relixión), e por último, non estar incurso en  ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG e deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica en www.sede.xunta.es.

Proba

Os  interesados deberán realizar  unha proba estruturada en dúas partes que valorarán os obxectivos e as competencias básicas acadadas polo alumnado. A primeira parte constará de diversas cuestións referidas a lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira, agás no caso do alumnado exento da realización da correspondente parte da proba. Na segunda, os estudantes terán que dar resposta a cuestións de tres materias de cuarto curso: ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e unha a escoller de entre bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, física e química, latín, música e tecnoloxía. Para poder aspirar ao premio, terán que obter, como mínimo, cinco puntos en cada unha das materias da proba.

A relación do alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas por cada un, publicaranse no portal educativo www.edu.xunta.es e na páxina de inicio da aplicación www.edu.xunta.es/premioseso. Ademais poderase solicitar información no teléfono 881 99 77 01 da Unidade de Atención a Centros.

A orde pode consultarse no enderezo web: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150707/AnuncioG0164-290615-0003_gl.html