Cultura e Educación destina 553.000 euros para cofinanciar os comedores escolares xestionados polas ANPAS

O Goberno galego aporta ata un máximo do 50 por cento do custo deste servizo en cada centro correspondente

Tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, os beneficiarios dispoñen dun mes de prazo para formalizar a correspondente solicitude

Ven, 08/04/2016 - 10:14

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará un total de 553.000 euros para axudar a sufragar, no actual curso académico 2015-16, o custo dos comedores escolares xestionados polas ANPAS.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde -que se pode consultar no enderezo web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160408/AnuncioG0164-230316-0001_gl.html -  pola que se establecen as bases e se convocan as axudas destinadas ao cofinanciamento deste servizo xestionado polas asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería e que imparten os niveis de ensinanza básica obrigatoria ou o segundo ciclo de educación infantil.

A Consellería financiar ata un máximo do 50 por cento do custo do servizo do comedor do centro escolar correspondente. As axudas, que se outorgarán en réxime de concorrencia competitiva, poderán ser empregadas para sufragar o custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor, así como, se é o caso, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do comedor.

Tamén poden destinarse a costear os gastos orixinados pola contratación de persoal para atender ao alumnado con necesidades específicas e os derivados da contratación de pólizas de seguro vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.

As solicitudes para acceder a estas bolsas deberán presentarse, preferiblemente, por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es . O prazo para poder facelo rematará o próximo 9 de xuño. 

Grazas a esta mesma convocatoria, no curso pasado beneficiáronse das axudas da Xunta un total de 89 ANPAs (todas as que cumprían os requisitos), o que supuxo atender a case o 95 por cento das solicitudes presentadas.