Anxo Lorenzo animou os responsables dos Centros de Estudos Galegos de Brasil a continuar co labor de proxección do idioma

O secretario xeral de Política Lingüística gabou as iniciativas que se están a levar a cabo desde as universidades deste país nas que está presente a lingua galega

Mér, 15/12/2010 - 12:51
Anxo Lorenzo, con Maria do Amparo Tavares, fundadora do Núcleo de Estudos Galego
Anxo Lorenzo, con Maria do Amparo Tavares, fundadora do Núcleo de Estudos Galegos da Universidade Federal Fluminense de Niterói, e Fernando Ozorio, o actual responsable.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, animou os responsables das cátedras e centros de estudos galegos (CEG) de Brasil “a continuar co labor que veñen impulsando a prol da proxección exterior da lingua e da literatura galegas”. Fíxoo no marco do primeiro Encontro de Cátedras e Centros de Estudos do Brasil, que tivo lugar estes días na Universidade Federal Fluminense de Niterói.

Anxo Lorenzo tivo ocasión de coñecer da man dos directores das cátedras e dos CEG de Brasil as liñas de traballo que están a desenvolver as universidades do país nas que ten presenza a lingua galega. Entre as iniciativas levadas a cabo atópanse a realización de exposicións, a publicación de diversos materiais lingüísticos e literarios, a organización de conferencias e recitais de poesía, así como outras actividades para dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial de Galicia.

Por outra banda, Anxo Lorenzo xa transmitira durante o encontro a intención da Secretaría Xeral de Política Lingüística de impulsar en 2011 unha nova estratexia de acción exterior desde os centros de estudos galegos. Neste sentido, unha das prioridades será a creación  dun programa de acción cultural, que complemente a formación académica e a investigación nas universidades.

Actualmente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a impulsar a proxección internacional do galego en Brasil a través da Universidade de São Paulo, da Universidade Federal de Bahia, da Universidade Federal Fluminense de Niterói e da Universidade do Estado do Rio de Janeiro. Co obxectivo principal de mellorar os mecanismos de coordinación da acción exterior nestas universidades e de valorar novas canles de difusión da lingua, da literatura e da cultura galegas en Brasil, a Secretaría Xeral de Política Lingüística promoveu o primeiro Encontro de Cátedras e Centros de Estudos deste país, no que tamén participou o Consello da Cultura Galega.

Menús News node R