Román Rodríguez subliña a importancia da Olimpíada de Bioloxía na promoción das vocacións científicas entre a xuventude

O conselleiro de Cultura e Educación felicitou aos participantes polo seu esforzo e talento, en especial aos galegos -dúas mozas e un mozo- que chegaron á final nacional

A alumna do IES A Pontepedriña, Tania Penas Iglesias, acadou nesta fase final do nacional o pase á fase internacional, que se disputará en Hanoi a finais de xullo

A undécima edición deste certame celebrouse na cidade de Vigo

Dom, 10/04/2016 - 14:15
O conselleiro de Cultura e Educación felicitou aos participantes polo seu esforzo e talento, en especial aos galegos -dúas mozas e un mozo- que chegaron á final nacional
O conselleiro de Cultura e Educación felicitou aos participantes polo seu esforzo e talento, en especial aos galegos -dúas mozas e un mozo- que chegaron á final nacional

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, subliña a importancia de certames como a Olimpíada Española de Bioloxía -cuxa fase nacional concluíu hoxe na cidade de Vigo- na promoción das vocacións científicas e das vocacións STEM (en ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas), á vez que recoñecen o esforzo e o talento da mocidade.

Esta é a primeira vez que Galicia acolle unha fase nacional deste certame, e tamén “a primeira ocasión na que hai representación galega por triplicado” na fase final nacional, salientou o conselleiro, que aproveitou para felicitar persoalmente a Marta Míguez Bello (do IES Rosais II de Vigo), a Roberto Rilo Antelo (do IES Monelos, na Coruña) e a Tania Penas Iglesias (do IES A Pontepedriña, en Santiago). Esta última alumna conseguiu o pase á fase internacional, que se disputará en Hanoi a finais de xullo.

Román Rodríguez loou o “modo creativo de aprendizaxe” desta Olimpíada -que xa vai pola súa undécima edición- na que se potencia un sistema educativo intelixente e se busca desenvolver o talento dos participantes.

O responsable de Educación do Goberno galego fixo extensivos os agradecementos aos organizadores do certame así como ao resto dos participantes, e desexoulles sorte aos clasificados para as fases internacional e iberoamericana.

O acto de entrega de diplomas e de clausura desta mañá pon o colofón a catro días de intensa competición na que participaron un total de 61 finalistas, logo de superar as fases autonómicas nas súas respectivas comunidades.