Román Rodríguez e Jesús Vázquez salientan no CIFP Ánxel Casal-Monte Alto a calidade da formación que se imparte nos ciclos de FP da familia profesional de sanidade

Os conselleiros de Cultura e Educación e de Sanidade visitaron hoxe este centro educativo coruñés especializado, ademais de nesta familia, na de Servizos Socioculturais e á Comunidade

Ven, 15/04/2016 - 12:33
Os conselleiros de Cultura e Educación e de Sanidade visitaron hoxe este centro educativo coruñés
Os conselleiros de Cultura e Educación e de Sanidade visitaron hoxe este centro educativo coruñés

Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitaron hoxe o Centro Integrado de Formación Profesional Ánxel Casal- Monte Alto, onde salientaron a calidade da formación que se imparte nos ciclos de FP da familia profesional de Sanidade. Neste sentido ambos os conselleiros lembraron a importancia do persoal técnico e auxiliar que presta servizo nos centros hospitalarios e de saúde, a meirande parte deles procedentes dos ciclos formativos.

Román Rodríguez lembrou a oportunidade que os CIFP supoñen para a especialización da Formación profesional por centros. Non en balde, o Ánxel Casal- Monte Alto oferta un total de 31 ciclos formativos, tanto no réxime ordinario como modular para adultos -tanto presencial como a distancia-, 20 deles na familia profesional de Sanidade e 11 na de Servizos Socioculturais e á Comunidade.

O conselleiro de Cultura e Educación explicou que o seu departamento xa está a redactar un proxecto de reforma interior de espazos e ampliación do centro para dar resposta ao incremento de horas nos ciclos adaptados á nova normativa, que supoñen unha formación máis completa do alumnado. Neste sentido Román Rodríguez anunciou que nas próximas semanas se publicarán novos decretos que se imparte neste CIFP, todos eles adaptados á nova normativa e ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, ata case completar o total dos ciclos que se ofertan nas familias profesionais que se imparten neste centro.

Novos currículos e inserción laboral

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou ademais que os novos currículos que a Consellería está a publicar están actualizado s e adaptados ás necesidades reais do tecido produtivo galego, de tal forma que constitúen un  valor engadido para facilitar a inserción laboral do alumnado da FP na nosa Comunidade, que rexistra xa uns resultados moi positivos. Non en balde, a inserción laboral do alumnado que realiza a Formación en Centros de Traballo era xa no 2013 de arredor do 40% e, segundo a percepción dos centros educativos, estase a incrementar ano a ano.

De feito, o CIFP Ánxel Casal conta cunha bolsa de emprego para os estudantes e titulados, á que lle fan seguimento e que mostra o interese das empresas da cidade e a comarca por empregar a titulados dos ciclos de FP das ramas sanitaria e de Servizos Socioculturais á comunidade, debido á súa formación, cun elevado compoñente práctico e achegado á realidade laboral na que se van desenvolver.

Traballadores cualificados no sector sanitario

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou que “é necesario un bo sistema de formación profesional para que as empresas e o sector público, no noso caso o sistema sanitario, dispoñamos de traballadores cualificados que permitan o noso progreso nunha contorna cada vez máis competitiva e global”. “Unha sociedade, ademais, cambiante, e na que elementos como o coñecemento, a tecnoloxía ou a innovación son fundamentais. Esixen unha formación inicial suficientemente especializada e, á vez, unha alta capacidade de aprendizaxe que permita estender esa formación ao longo de toda a vida”, subliñou.

“Na actual sociedade do coñecemento –engadiu o conselleiro de Sanidade- os nosos traballadores e a súa capacidade forman o intanxible que marca a diferenza. Todas as categorías son relevantes. Por iso, a dedicación de profesionais da medicina, a enfermería, a administración ou os técnicos de Formación Profesional, entre outras áreas de traballo, merecen recoñecemento”.

Na súa intervención, Almuiña destacou que o sector sanitario é un dos máis apaixonantes de toda a oferta de formación profesional. A tal efecto, dirixiuse ao alumnado para trasladarlles todo o seu apoio, e darlles ánimo e confianza, á vez que lles sinalou que ao elixir a Formación Profesional sanitaria están a apostar polo seu futuro e polo o de todo o sistema.