O traballo das bibliotecas dos centros educativos galegos recoñecido no Concurso Nacional de Boas Prácticas para a dinamización e innovación 2010

Oito centros resultaron premiados nestes galardóns, que recoñecen o labor de promoción da biblioteca como espazo para a mellora da calidade educativa

Lun, 27/12/2010 - 08:45

O bo traballo desenvolvido polas bibliotecas escolares dos centros educativos galegos foi recoñecido no ‘Concurso Nacional de Buenas Prácticas para la dinamización e innovación de las bibliotecas de centros escolares 2010’, organizado polo Ministerio de Educación, e que no 2010 avalou o traballo de oito colexios e institutos que levan a cabo diferentes iniciativas para que as súas bibliotecas sexan espazos dinámicos que actúen como recurso didáctico e integrador para a mellora da calidade do ensino.

Con estes oito centros premiados Galicia ve recompensado os esforzos desenvolvidos en torno a lectura a través de diferentes iniciativas. A última delas é a distribución dunhas guías na que se fan recomendacións de lecturas como posibles regalos para estas sinaladas datas. Ademais os documentos inclúen títulos musicais e cinematográficos. Deste xeito maniféstase o interese da administración galega  e dos centros de ensino por impulsar a lectura nas comunidades educativas.

Bibliotecas galardoadas

Galicia é así a Comunidade Autónoma do Estado con máis bibliotecas galardoadas neste certame, o que dá mostra do éxito que están a ter as diferentes medidas para o fomento da lectura e a dinamización destes espazos que está a desenvolver a Consellería de Educación, con programas como ‘Hora de Ler’ - con iniciativas coma a dos clubs de lectura, as mochilas viaxeiras ou o concurso de lectura en voz alta ‘Ler e escoitar’-, ou o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, no que están integrados neste curso 2010/2011 un total de 374 centros.

Na modalidade dirixida aos centros de educación infantil, primaria, especial e de persoas adultas foi galardoado cun primeiro premio o colexio rural agrupado Mestra Clara Torres, de Tui; con dous segundos premios o CPI Tino Grandío, de Guntín e o CEIP de Cervo; e con terceiros premios o CEIP  Os Muíños, de Muxía, e o CEIP Quintela, de Moaña.

Doutra banda, na categoría destinada aos centros de educación secundaria, Formación Profesional, ensinanzas artísticas e Escolas Oficiais de Idiomas, recoñeceuse con dous segundos premios o traballo do IES de Monterroso e do IES de Fene; e cun terceiro posto o IES Manuel Antonio, de Vigo. Cómpre salientar que todos estes centros están incluídos no Plan de mellora de bibliotecas escolares da Consellería.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Pinal Rodríguez, amosou a súa satisfacción polo recoñecemento obtido por estes centros, que dá mostra do éxito da estratexia de posta en valor das bibliotecas escolares e de fomento da lectura que continúa a desenvolver a Xunta de Galicia a través do Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para Lectura, a Información e a Aprendizaxe, que favorece a adquisición das competencias básicas do alumnado galego, mellora a súa comprensión lectora e estimula a lectura como forma de lecer entre o alumnado; elementos fundamentais para o éxito escolar.

As bibliotecas, un recurso educativo integrador

Os oito centros premiados destacaron entre todos os participantes por ter nas súas respectivas bibliotecas un instrumento educativo integrador arredor do que se fomenta a mellora da calidade do ensino en toda a comunidade escolar. Así, os seus fondos son utilizados como fonte de información  e de traballo nas distintas áreas e materias do currículo, e como ferramentas para mellorar as competencias lectoras e de aprendizaxe autónoma, ao tempo que se utilizan de forma natural as tecnoloxías da comunicación e información. Desta forma, as bibliotecas galardoadas constitúense en espazos nos que o alumnado adquire tanto competencia dixital, como coñecementos; aprende modos de buscar información, mellora a súa comprensión lectora e desenvolve a súa autonomía e iniciativa persoal.

Doutra banda, o xurado do concurso valorou especialmente a capacidade destas bibliotecas para implicar a toda a comunidade educativa – alumnas e alumnos, pais, nais e docentes –nas actividades desenvolvidas nelas; favorecendo así o traballo en grupo e o gusto pola lectura. Ademais tívose en conta a integración e atención da diversidade do alumnado con necesidades educativas específicas nestes espazos.