Román Rodríguez felicita ao CIFP Paz Andrade por ser pioneiro en ofertar unha Formación Profesional adaptada á realidade socioeconómica da súa contorna

O conselleiro de Cultura e Educación participou na celebración do 50 aniversario deste centro que hoxe é un referente no panorama educativo galego

A Consellería ten en marcha a nova estratexia da FP para a vindeira década, que incide na aposta polos viveiros de empresa e por ampliar a colaboración cos sectores produtivos a través das prácticas en centros de traballo e da FP Dual

Ven, 27/05/2016 - 14:09
Román Rodríguez felicita ao CIFP Paz Andrade por ser pioneiro en ofertar unha Formación Profesional adaptada á realidade socioeconómica da súa contorna
Román Rodríguez felicita ao CIFP Paz Andrade por ser pioneiro en ofertar unha Formación Profesional adaptada á realidade socioeconómica da súa contorna

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Valentín Paz Andrade, de Vigo, cumpre 50 anos de traxectoria como pioneiro en ofertar unha Formación Profesional adaptada a súa contorna socioeconómica. Así o destacou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, durante o acto de celebración desta efeméride, no que tamén estiveron presentes a directora do centro, Josefa González Iglesias; membros fundadores; o fillo de Valentín Paz Andrade, Alfonso Páz Andrade; o alcalde, Abel Caballero; e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, xunto con alumnos, profesores e membros da comunidade educativa.

O CIFP Valentín Paz Andrade comezou a súa andaina a mediados dos anos 60 e en seguida se situou coma un dos primeiros grandes centros específicos vinculados á Formación Profesional tanto en Galicia como en España. “Un centro -en palabras do conselleiro de Educación- que se anticipou a promover un sistema no que a FP fose unha peza clave en todo o entorno económico, social e laboral da cidade olívica e que viviu por e para o servizo da formación profesional e, por extensión, ao servizo do conxunto do país”.

A día de hoxe, este centro –que foi recoñecido con numerosos premios– conta cunha ampla variedade de ciclos das familias profesionais da Enerxía e Auga, Fabricación mecánica, Instalación e mantemento, Madeira, moble e cortiza e Transporte e mantemento de vehículos. Trátase, por tanto, dun centro moi activo, que é referente no panorama educativo galego e do que “don Valentín Paz Andrade, un home comprometido co seu país e co seu tempo, –en palabras do conselleiro–, seguro que estaría orgulloso”.

Román Rodríguez subliñou que o proxecto pedagóxico deste centro vai na liña da aposta que está a desenvolver a Xunta de Galicia para potenciar a nova estratexia da FP para a vindeira década, que se sustenta na promoción dos Centros Integrados de Formación Profesional, no desenvolvemento de viveiros de empresa e na ampliación da colaboración co mundo empresarial a través das prácticas FCT (formación en centros de traballo), que tan só o pasado curso beneficiaron a 14.000 mozos e mozas en Galicia.

Impulso da FP Dual

O conselleiro insistiu, sobre todo, no impulso da FP Dual, unha modalidade de Formación Profesional que require da implicación directa dos sectores produtivos xa que os alumnos combinan a teórica nas aulas coa práctica profesional nas empresas. Precisamente, na área de Vigo, a Consellería vén de asinar recentemente un acordo coa empresa Bosch Security Systems para poñer en marcha un novo proxecto no IES Ricardo Mella. Tamén existen proxectos similares no CIFP Manuel Antonio, no IES A Guía e no IES Politécnico de Vigo. Ademais, no último ano a Consellería leva investido preto de 1 millón de euros na dotación de equipamento específico e informático tan só dos centros de FP sitos no Concello de Vigo.