Román Rodríguez participa no acto de fin de curso e entrega dos premios do certame internacional de relatos do CIFP A Farixa

O conselleiro de Cultura e Educación reafirmou o apoio do seu departamento aos centros de FP, tanto no referido ao fortalecemento da oferta como á mellora das instalacións

Mar, 14/06/2016 - 11:16
Román Rodríguez participa no acto de fin de curso e entrega dos premios do certame internacional de relatos do CIFP A Farixa

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de fin de curso e de entrega dos premios do Certame Internacional de Relatos do CIFP A Farixa 2016; un acto no que reafirmou o apoio do seu departamento aos centros de FP, tanto no referido ao fortalecemento da oferta como á mellora das súas instalacións. Neste sentido explicou que o CIFP A Farixa se converterá a partires do próximo curso nun centro de referencia nos ciclos formativos da familia profesional de Imaxe e son coa implantación de ciclo de grao medio en Vídeo disc-jockey e son, completando a oferta do ciclo de grao superior en Produción de audiovisuais e espectáculos, que xa viñan impartindo. “Trátase de reforzar a Ourense como un dos 3 polos ou centros de referencia desta familia profesional, xunto co IES Imaxe e Son da Coruña e o IES Audiovisual de Vigo”, sinalou.

Así mesmo, o conselleiro explicou que ao longo deste ano se irán desenvolvendo obras nos distintos centros que imparten ensinanzas de FP na cidade co fin de dar resposta ás necesidades que presentan, entre eles o IES Universidade Laboral, onde está programada a ampliación que precisan as aulas destinadas á impartición dos ciclos da familia de Transporte e mantemento de vehículos.

O conselleiro quixo, ademais, felicitar aos 92 estudantes que hoxe se despedían do centro por teren rematados os seus estudos, e entre os que se recoñeceu a excelencia dos 9 mellores expedientes, así como ás súas familias, “que co seu apoio, sacrificio e presenza fixeron posible o logro que hoxe alcanzades”.

Respecto do certame, Román Rodríguez sinalouno como unha convocatoria de referencia no mundo da creación literaria que atrae a autores de moi diversos países, e que introduce novidades cada ano, nesta ocasión a inclusión dunha categoría específica para alumnado matriculado nos ciclos formativos de calquera centro de Galicia. Neste sentido lembrou que a iniciativa nace nunha provincia cunha fonda pegada literaria da provincia literaria, como é a de Ourense e que se crea a partires do afán construtivo e espírito de superación que guía ao CIFP A Farixa. “Non podo deixar de felicitar ao centro por promover a formación integral do alumnado, ao tempo que impulsa a creatividade e contribúe a espertar vocacións literarias temperás. Iniciativas coma esta, nas que latexa o froito da imaxinación e da innovación, e coas que se esperta no alumnado a paixón pola lectura, fundamental para a súa formación como cidadáns, refórzase a identidade dun pobo e axúdase a construír país”, dixo.

No acto, ademais do conselleiro, participaron a delegada da Xunta na provincia, Marisol Díaz Mouteira; e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, entre outras autoridades.

Certame consolidado

O Internacional de Relatos do CIFP A Farixa é un certame xa consolidado que chega no 2016 ás súa cuarta edición e que esperta a atención de participantes dos ata 28 países diferentes que nesta ocasión concorreron ao concurso cun total de 578 relatos. Aínda que a maioría das obras son de autores españois, abundan tamén os relatos achegados de países europeos como Inglaterra, Francia, Portugal e Italia; ou americanos como Arxentina, Colombia, México e Chile, e mesmo recibíronse obras de China e Israel. Trátase, polo tanto, dun certame consolidado que chega no 2016 á súa cuarta edición

Os galardoados desta edición foron, co primeiro premio, Ainhoa Ollero (Huesca), polo relato “Factorías de Historias”; e como finalista Jonathan Martínez (Biscaia), por “El Francotirador” .