Román Rodríguez destaca o esforzo e o espírito de superación do alumnado de FP básica do CEE Príncipe Felipe de Pontevedra

O conselleiro participou na apertura dos tres xardíns creados polos propios rapaces e rapazas, co fin de fomentar a creatividade e a súa autonomía persoal

Tamén gabou o traballo que se está a desenvolver a prol da atención á diversidade e da igualdade de oportunidades, principios reitores do sistema educativo

Lun, 20/06/2016 - 14:55
Román Rodríguez destaca o esforzo e o espírito de superación do alumnado de FP básica do CEE Príncipe Felipe de Pontevedra

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá na apertura dos tres xardíns realizados polos alumnos e alumnas do programa formativo de FP Básica en Xardinaría e Viveirismo do Centro de Educación Especial (CEE) Príncipe Felipe de Pontevedra. Neste sentido, puxo en valor o esforzo, a determinación e o espírito de superación destes nove rapaces e rapazas, que contaron coa colaboración de alumnado doutros dous centros da zona, o CIFP Carlos Oroza e o IES Montecelo.

Deste xeito, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou a cooperación intercentros como ferramenta para acadar resultados de éxito. En concreto, o CIFP Carlos Oroza participou na creación do ‘Xardín o té’, mentres que o alumnado de FP Básica de Artes Gráficas do IES Montecelo se encargou de fabricar as placas postas hoxe nos diferentes espazos.

O conselleiro estivo acompañado pola directora do CEE, Amelia Otero López; polo director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o xefe territorial de Educación na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares; así como por toda a comunidade educativa do centro. Neste sentido, Román Rodríguez agradeceu a implicación e o traballo do alumnado e do seu profesorado, así como das familias por acompañalos no seu desenvolvemento persoal.

Formación como preparación laboral

A maiores do programa formativo de FP Básica en Xardinaría e Viveirismo, o curso que vén o centro ofrecerá outros dous programas, o de FP Básica de Reprografía e o de FP Básica de Servizos de Restauración, este último xurdido a raíz da creación do ‘Xardín do té’. Cada un ofrece 20 prazas e ten unha duración dun ano.

Estas iniciativas non só buscan incrementar a formación do alumnado con necesidades educativas especiais, potenciando as súas destrezas e capacidades individuais e colectivas, senón que tamén favorecen o tránsito cara o futuro mercado laboral. Polo tanto, trátase de programas cos que o alumnado obtén unha certificación académica –que lle permite cursar un ciclo de FP Básica– e un certificado de profesionalidade que promove a súa inserción profesional e a súa inclusión social.

Neste contexto, o conselleiro salientou o firme compromiso do seu departamento coa atención á diversidade e coa igualdade de oportunidades, “principios reitores do sistema educativo galego”, remarcou.

Xardíns relaxantes, desérticos e con especies

Durante o seu percorrido polo recinto, o primeiro espazo verde que visitaron foi o ‘Xardín crasas’, composto a base de area, pedras, cacto, palmeiras, xucas e cocoteiros, representando así un lugar desértico. Este espazo contrasta co ‘Xardín Zen’, de inspiración oriental e cun clima relaxante que invita á meditación. Trátase dunha zona que repercutirá positivamente na aprendizaxe do alumnado, posto que o CEE traballa técnicas de autocontrol como a relaxación.

Por último, o alumnado puxo en marcha este curso o ‘Xardín do té’, un proxecto no que participou, ademais do CIFP Carlos Oroza, a Cidade Infantil. Ademais da súa característica puramente ornamental, este espazo ten unha función clara, a de producir infusión de té, materia prima que preparará e consumirá a escola de hostalería e o propio centro. Neste último caso, este espazo será de gran utilidade para os mozos e mozas que se matriculen no programa de Servizos de Restauración o curso 2016-2017.