A Xunta licitará antes de que remate o ano as obras de construción do novo CEIP de Mesoiro

A Consellería de Cultura e Educación e o Concello da Coruña asinaron hoxe o convenio de posta a disposición dos terreos

A Consellería de Cultura e Educación e o Concello da Coruña asinaron hoxe o convenio de posta a disposición dos terreos

Mar, 26/07/2016 - 11:28
A Xunta licitará antes de que remate o ano as obras de construción do novo CEIP de Mesoiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licitará antes de que remate o ano as obras de construción do novo CEIP de Mesoiro, que suporán un investimento total de máis de 3,8 millóns. Este novo paso é posible despois de que hoxe o conselleiro, Román Rodríguez, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinarán o convenio polo que o ente municipal pon a disposición da Xunta os terreos necesarios para edificar o centro.

Neste momento está pendente de adxudicación o proxecto do centro, tras o que se producirá a licitación das obras.

A construción deste centro é froito do compromiso da Consellería coa atención ás necesidades de prazas de escolarización nos núcleos con maior crecemento demográfico. Deste xeito co novo CEIP crearanse 450 novos postos escolares de infantil e primaria, suficientes para dar cobertura ás necesidades de escolarización da zona nos vindeiros cursos.

Obras en 21 centros

Contando co inicio destas obras, a Consellería de Cultura e Educación investirá este ano máis de 2,5 millóns de euros en diversas melloras en outros 21 centros educativos do concello da Coruña.

Neste sentido as obras máis salientables serán os cambios de cuberta no CEIP Raquel Camacho e no IES Monte das Moas, a rehabilitación integral enerxética e funcional do CEIP Ramón de la Sagra. Así mesmo, realizaranse melloras de envergadura tanto no IES Eusebio da Guarda como no CEE María Mariño.