Medran por 2º ano consecutivo as axudas a universitarios para intercambios con países extracomunitarios

A Consellería de Cultura e Educación incrementa nun 36% tanto o orzamento total da convocatoria como a contía da axuda que percibirá cada un dos beneficiarios

Mar, 26/07/2016 - 18:26

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de bolsas destinadas ao alumnado das universidades do Sistema Universitario de Galicia que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2016-2017; unha acción que ten como obxectivo favorecer o intercambio internacional dos estudantes. Isto permite aos alumnos integrarse nunha comunidade internacional o que é moi positivo para o seu currículo e para a súa posterior incorporación ao mundo laboral

Este é o segundo ano consecutivo no que se incrementa, concretamente nun 36%, tanto o orzamento xeral da convocatoria como a contía que cada un dos bolseiros percibirá. Así, o total previsto para estas axudas ascende a 210.000 euros - fronte aos 154.000 do curso anterior-, dos que cada beneficiario poderá acceder a un máximo de 1.500 euros de axuda - fronte aos 1.100 da convocatoria anterior-.

Deste xeito, poderán acceder ás axudas ata 140 estudantes que ao longo do curso 2016-2017 participen en programas de intercambio con países extracomunitarios, agás o programa "Erasmus+", relacionados cos estudos que está a cursar. Co fin de premiar o esforzo e a excelencia, o expediente académico será o único criterio para a concesión da axuda.

Os requerimentos e prazos poden consultarse no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160726/AnuncioG0164-120716-0001_gl.html

Internacionalización do SUG

O obxecto do programa, que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2011-12, é apoiar economicamente ao alumnado das universidades galegas e centros asociados da UNED en Galicia que participan nun programa de mobilidade autorizado pola súa universidade en países extracomunitarios, o que redunda na internacionalización do SUG.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza