Aberto o prazo para optar ás axudas de consolidación da investigación universitaria máis excelente

A convocatoria, que vén de publicarse no DOG, está orientada a Grupos de Referencia Competitiva, Grupos con potencial crecemento, Redes e proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente

O obxectivo é reforzar o sistema galego I+D+I mediante o incremento da competitividade destes grupos internacionalmente recoñecidos, que contarán cun financiamento estrutural continuado no tempo

Xov, 11/08/2016 - 11:24

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de abrir o prazo para optar ás axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación universitaria nas modalidades de Grupos de Referencia Competitiva (CRC), Grupos con potencial crecemento (GPC), Redes de investigación e proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. A convocatoria publicouse no DOG e os interesados terán de prazo para solicitar esta axuda ata o vindeiro 10 de setembro. Os detalles poden consultarse no seguinte enderezo web http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160810/AnuncioG0164-290716-0002_gl.html.

Cómpre lembrar que este programa de incentivos á I+D+i –dotado con preto de 15 millóns de euros e convocado de xeito conxunto entre o departamento educativo da Xunta de Galicia e a Consellería de Economía, Emprego e Industria (a través da Axencia Galega de Innovación, GAIN)– busca asegurar que tanto os grupos como as redes conten cun financiamento estrutural e continuado no tempo vinculado a criterios de calidade, tanto das propostas realizadas como dos resultados obtidos. Ademais, e de xeito paralelo, o sistema debe atender tamén as diferentes realidades de investigadores individuais que xa contan cunha traxectoria excelente e que agora teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto no ámbito nacional e internacional.

En definitiva, trátase de asegurar un financiamento axeitado e sostido no tempo para que os investigadores e os grupos e redes máis excelentes e competitivos en Galicia continúen traballando e afianzando a súa posición de liderado. Deste xeito, a convocatoria vai dirixida ás tres universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación en Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia.

As axudas estrutúranse en catro modalidades:

Grupos de Referencia Competitiva (Modalidade A)

En Galicia, dentro dos grupos de investigación, os Grupos de Referencia Competitiva caracterízanse polos bos índices de publicacións científicas, por un elevado nivel de captación de recursos, competitivos a nivel estatal e internacional e con capacidade para formar e atraer investigadores mozos. Neste caso as axudas teñen unha duración máxima de catro anos e o importe das mesmas, que poderá alcanzar os 400.000 euros por grupo, vén determinado por unha contía estrutural e outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo que, entre outros requisitos, deberá contar polo menos con cinco investigadores.

Grupos con Potencial de Crecemento (Modalidade B)

Os Grupos con Potencial de Crecemento (GPC) teñen unha importante calidade investigadora que os pode conducir a converterse en Grupos de Referencia do sistema galego de I+D+I. Afianzar esta evolución é precisamente o que se trata de garantir con estas axudas que, neste caso, contan cun financiamento de 70.000 euros por grupo.

Redes de Investigación (Modalidade C)

Os Grupos de Investigación poden aumentar as súas oportunidades de desenvolvemento e consolidación mediante a súa integración en estruturas tipo Rede (grupos de grupos). Isto permite tanto a integración de capacidades dispersas como a competitividade máis aló do ámbito local. Nesta modalidade, as axudas van encamiñadas a impulsar un plan de actuacións en rede que permita conformar novas capacidades científicas e abordar con maior efectividade novos obxectivos de investigación.

Neste caso, a axuda consistirá nunha contía total de 120.000 euros para cada rede; e un mesmo grupo non poderá participar en máis de dúas redes con independencia da súa institución de procedencia.

Proxectos de Excelencia (Modalidade D)

Neste apartado regúlanse as axudas para proxectos de investigación de investigadores individuais que contan xa cunha traxectoria excelente e que teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de algo impacto nos ámbitos nacional e internacional. Nelas contémplanse dous apartados: unha liña de reforzo de traxectoria consolidada (investigadores excelentes do SUG que conten cunha axuda Starting Grant), dotada con 250.000 euros para cada investigador; e unha liña de reforzo de traxectorias emerxentes (persoal investigador adscrito ao programa Ramón y Cajal das convocatorias dos anos 2012, 2013 e 2014) que contará cun financiamento de 115.000 euros ao longo de todo o proxecto.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza