Educación mobiliza preto de 20 millóns para recoñecer e impulsar a investigación máis excelente

A Consellería crea unha convocatoria específica para reforzar o traballo das unidades supragrupais de referencia e acreditalas como centros de investigación singulares de Galicia ou ben como agrupacións estratéxicas consolidadas

Este investimento, o máis alto da historia de Galicia nunha convocatoria de I+D+i, permitirá reforzar o liderado da investigación galega a nivel internacional, atraer novo talento e mellorar a xeración de resultados e transferencia á sociedade

As axudas oscilan entre os 400.000 e os 800.000 euros para os centros; e entre os 200.000 e os 400.000 euros para as agrupacións

Mér, 31/08/2016 - 11:57

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mobilizará preto de 20 millóns de euros ao longo dos vindeiros catro anos para recoñecer e impulsar a investigación universitaria máis excelente coa que conta Galicia. A través dunha nova e novidosa convocatoria, que sae publicada hoxe no DOG, o departamento dirixido por Román Rodríguez financiará, co maior montante xamais investido nunha convocatoria deste ámbito e dun xeito estable no tempo, ás unidades de referencia do sistema galego de I+D+i, co fin de que reforcen a súa capacidade de investigación e a súa posición internacional.   

Esta nova liña de axudas nace con dous obxectivos claros e concisos. Por un lado búscase recoñecer o importante esforzo realizado por determinadas unidades de investigación universitaria que funcionan como verdadeiros tractores da actividade científica do SUG. E, por outra banda, estas axudas permitirán fortalecer os seus traballos de investigación, así como o impacto que xeran os seus resultados.

Os detalles da orde poden consultarse no seguinte enlace web http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160831/AnuncioG0164-190816-0005_gl.html e o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá 1 de setembro.

Selo de calidade e excelencia

Deste xeito, as unidades de investigación máis excelentes do sistema recibirán un selo que acredite o seu traballo científico, ben como “centros de investigación singulares de Galicia” ou ben como “agrupacións estratéxicas consolidadas”, segundo as súas capacidades e o resultado do proceso de avaliación en concorrencia competitiva que se desenvolve ao abeiro desta convocatoria. Isto é, recibirán un selo específico que as acreditará como os mellores motores científicos e de innovación universitaria da nosa Comunidade.

E, ademais, a través desta convocatoria a Consellería de Cultura e Educación financiará os seus proxectos estratéxicos de investigación durante o período 2016-2019 para fortalecer as súas capacidades científicas, potenciar o liderado internacional da investigación galega, impulsar a agregación de capacidades científico-técnicas –incluíndo a colaboración con outros centros, unidades e co tecido empresarial– ou mellorar a xeración de resultados de alto impacto científico, social e económico.

Transferencia dos resultados á sociedade

A maiores, cómpre salientar que tamén se busca contribuír á formación, atracción e incorporación de talento, incrementar a masa crítica de persoal de persoal investigador e actuar como axentes tractores do sistema galego de I+D+i.

Uns obxectivos que perseguen, en última instancia, que as investigacións acaben revertendo na sociedade, co fin de buscar solucións aos problemas dos cidadáns, reforzar e especializar os nosos sectores produtivos e aumentar, en definitiva, o benestar xeral da sociedade.

Dúas modalidades

Para poder optar a estas axudas, é preciso que a proposta presentada estea conformada por unha unidade supragrupal que obtivera financiamento como agrupación estratéxica nunha convocatoria de concorrencia competitiva da Xunta de Galicia anterior ao 1 de xaneiro de 2014. Con este requisito garántese, por tanto, o apoio a aqueles centros que levan desenvolvendo a súa actividade desde hai anos.

Esta convocatoria establece dúas modalidades de axudas. A modalidade A vai dirixida aos centros singulares de investigación, que recibirán un financiamento de 14 millóns de euros ao longo dos próximos catro anos. En concreto, a primeira anualidade estará dotada dunha contía máxima de 400.000 euros por centro, mentres que a segunda, terceira e cuarta ascenderán a 800.000 euros.

Pola súa banda, a modalidade B refírese a agrupacións estratéxicas consolidadas, e cada unha delas poderá recibir unha contía máxima de 200.000 euros o primeiro ano e de 400.000 euros nos tres seguintes. En total, o investimento dedicado a este grupo ascende a 4,2 millóns de euros.

Maior capacidade de proxectos e de persoal

As axudas concederanse en función dunha serie de criterios que, de forma obxectiva, valoran a calidade científico-técnica, capacidade e características destas unidades e dos seus proxectos estratéxicos de investigación, en consonancia cos retos contidos na RIS3 Galicia, e tamén co esquema da Unión Europea reflectido no Programa marco de investigación, desenvolvemento e innovación horizonte 2020, co fin de procurar a obtención de retornos sociais nun prazo medio e longo.

O obxectivo último pasa, en definitiva, por reforzar a súa capacidade para implementar programas de investigación e de recursos humanos no ámbito da súa propia estrutura, que reforcen a súa posición de liderado a nivel internacional nas correspondentes áreas científicas de especialización.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza