A Xunta aposta pola investigación con 20 axudas de ata 200.000 € para novos proxectos científicos de excelencia

As Consellerías de Cultura e Educación e de Economía, Emprego e Industria veñen de seleccionar os proxectos obxecto de apoio, que suporán un desembolso de preto de 2,4 millóns de euros por parte da Administración

Galicia é a única Comunidade Autónoma que garante apoio financeiro para que os que remataron as axudas Starting Grant e os investigadores emerxentes reforcen as súas liñas de traballo durante cinco anos

Dom, 06/11/2016 - 12:00

O Goberno galego -a través das consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía, Emprego e Industria (a través da Axencia Galega de Innovación, GAIN)- vén de resolver as axudas para a consolidación da traxectoria investigadora de 20 científicos, que percibirán unha contía de ata 200.000 euros para reforzar e afianzar as súas liñas de traballo en Galicia.

Estas axudas enmárcanse dentro da liña estratéxica da Xunta de avanzar nun sistema galego de I+D+I forte, competitivo e internacionalmente recoñecido que pasa, entre outros, por garantir un financiamento estrutural e continuado de Grupos e Redes de investigación, así como dos proxectos individuais de persoal investigador con traxectoria excelente.

Precisamente a este último apartado corresponden as axudas publicadas no DOG (que poden consultarse no enderezo electrónico http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20161104/AnuncioG0164-271016-0005_gl.html) e coas que se garante que os investigadores que xa contan cunha traxectoria excelente (como é o caso daqueles que acadaron e remataron unha axuda Starting Grant), ou emerxente (persoal investigador adscrito ao programa Ramón y Cajal), poidan afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto no ámbito nacional e internacional.

Ao abeiro desta convocatoria, concedéronse axudas a tres investigadores Starting Grant, que recibirán axudas por importe de 200.000 euros a razón de 50.000 euros/ano ata 2020; e outras 13 axudas para a liña de reforzo de traxectorias emerxentes de outros tantos investigadores por un importe de ata 90.000 a razón de 20.000 euros/ano; todos eles vinculados ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Ademais, concédense outros 4 contratos de investigación vinculados ao Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Fundación Biomédica Galicia Sur.

Deste xeito Galicia sitúase como a única Comunidade Autónoma do Estado que garante un apoio financeiro estable e continuado no tempo para que os científicos excelentes reforcen as súas liñas de traballo durante un período de cinco anos.

Estas axudas supoñen un desembolso de preto de 2,4 millóns de euros ata o 2020, e que forman parte da inxección de 15 millóns de euros para a promoción da actividade investigadora nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación e noutras entidades do Sistema galego de I+D+I.