A FP galega amosa a súa excelencia nas olimpíadas europeas 'EuroSkills'

Gabriel Vilar, do CIFP Compostela, acadou a medalla de bronce na competencia de Servizos de Restaurante e Bar

Só outros dous alumnos españois resultaron galardoados neste certame, na categoría de Mecatrónica

Lun, 05/12/2016 - 15:38

A FP galega vén de amosar de novo a súa excelencia a nivel internacional, desta vez nas olimpíadas europeas ‘Euroskills’ celebradas en Gotemburgo (Suecia), nas que Gabriel Vilar, alumno do CIFP Compostela, acadou a medalla de bronce na competencia de Servizos de Restaurante e Bar. Cómpre salientar que neste certame só se acadaron dous premios para España, o do alumno galego e o de outros dous  estudantes, nese caso na categoría de Mecatrónica. Ademais de Vilar, participaron nesta competición dous alumnos do CIFP A Granxa, na modalidade de Xardinaría Paisaxística: Jhonatan Emmanuel Sanjinés Seminario e Jonatan Castelo Pires.

Gabriel Vilar conta xa con varios premios en FP, entre eles foi  distinguido cun diploma de excelencia na mesma modalidade Servizo de restaurante e bar na XLIII edición dos campionatos Internacionais de Formación Profesional ‘WorldSkills International’ celebrada en Sao Paulo (Brasil) entre os días 11 e 16 de agosto de 2015. Ademais, o alumno gañou a medalla de ouro no campionato galego Galiciaskills 2014 e no campionato nacional Spainskills 2015.

A pasada semana celebráronse en Silleda as Galicia Skills 2016, nas que se elixiu o equipo de alumnos e alumnas que representará a Galicia no campionato nacional Spainskills 2017, que se celebrará do 27 de febreiro ao 4 de marzo de 2017.