Cultura e Educación concede 66 axudas para que os titulados universitarios desempregados cursen másteres oficiais no SUG

A esta convocatoria destinouse un orzamento total de 200.000 euros

Mér, 07/12/2016 - 14:24

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a proposta de concesión das axudas para a matrícula nun máster universitario oficial, destinadas a titulados universitarios en situación de desemprego, para o curso 2016/2017, unha convocatoria dotada con 200.000 euros.

A axuda foille concedida a un total de 66 titulados, dos que 12 cursan o máster na Universidade de Santiago de Compostela, 17 na da Coruña e 37 na de Vigo

A contía da bolsa, que vai desde os 1.215 € aos 1.881,6 € por beneficiario, coa que se cubre o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula do máster universitario segundo os prezos públicos fixados pola Xunta para este curso académico. A proposta de concesión pode consultarse no portal educativo, no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/20635.

Esta liña de axudas responde, un ano máis, ao compromiso da Consellería de Cultura e Educación de continuar apoiando aos titulados universitarios en situación de desemprego co fin de mellorar as súas posibilidades de incorporación ao mercado de traballo.