Cultura e Educación concede 99 bolsas de inicio de estudos universitarios

Estas axudas teñen como obxectivo cubrir o alumnado que acceda á educación superior cunha nota media igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos

Ven, 23/12/2016 - 09:43

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver a convocatoria de axudas para o inicio de estudos universitarios no curso 2016/17 nas universidades do Sistema universitario de Galicia. Estas bolsas teñen como obxectivo cubrir o alumnado que inicie a educación superior e que acceda a ela cunha nota media igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos; que non poden obter as axudas do Ministerio do ramo.

En total concedéronse 99 bolsas, o que significa que todos aqueles aspirantes que as solicitaron e cumpriron os requisitos as obtiveron. Dos beneficiarios, 11 estudan na Universidade de Santiago de Compostela, 34 na da Coruña e 54 na de Vigo.

O departamento educativo do Goberno galego destinou un total de 200.000 euros á convocatoria destas bolsas cuxo importe por beneficiario vai dos 862,9 € para as titulacións encadradas dentro da rama de Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría e Arquitectura e dun máximo de 618,1 € para as titulacións da rama de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas.

Requisitos

Entre outros requisitos, os aspirantes ás axudas deben estar matriculados por primeira vez en primeiro curso nunha universidade do SUG dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas conducentes á obtención dun título oficial de grao; e non estaren en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior.