Educación blinda un ano máis o acceso á universidade a través das bolsas para causas sobrevidas

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a convocatoria destas bolsas, que teñen por obxectivo cubrir as necesidades do alumnado que perde o sustento fundamental para continuar os seus estudos

Xov, 26/01/2017 - 10:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia  (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170126/AnuncioG0164-211216-0003_gl.html ) a convocatoria de axudas dirixidas a estudantes universitarios que se vexan afectados por causas sobrevidas e imprevistas, co fin de que poidan continuar os seus estudos no Sistema Universitario de Galicia no presente curso académico 2016/17.  En total o departamento educativo da Xunta de Galicia destina a cantidade inicial de 100.000 euros a esta convocatoria, que podería incrementarse en función das solicitudes que se reciban e cumpran os requisitos.

O obxectivo destas bolsas é cubrir a necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada de causas tales como orfandade absoluta, falecemento pai/nai/titor legal, desemprego do sustentador principal, enfermidade grave, violencia doméstica, vítimas de actos terroristas, separación, divorcio, ruína ou quebra familiar e outras circunstancias non recollidas que sendo xustificadas repercutan na situación socioeconómica familiar. Deste xeito a Consellería reafirma o seu compromiso con garantir o acceso en igualdade de oportunidades aos estudos superiores.

Prazos de presentación

Dado que a circunstancia sobrevida pode acontecer en calquera momento do curso, a convocatoria permanecerá aberta ata o 31 de xullo, data límite para a presentación de solicitudes. Non obstante, se aconteceu con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da mesma no DOG. No caso de que ocorra con posterioridade, a presentación tamén será dun mes desde o seu acontecemento.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica (https://sede.xunta.es), aínda que tamén se poderán realizar en soporte papel en calquera dos rexistros establecidos.

Para acceder a estas axudas a situación sobrevida ou imprevista tivo que acontecer durante o actual curso académico 2016/17; e os solicitantes -que non poden ter percibido esta bolsa con anterioridade- deben estar matriculados neste ano académico, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico, ou arquitecto técnico, en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia. Non obstante, e como novidade por primeira vez este ano, establécese un mínimo de 30 créditos no caso dos alumnos aos que lles reste un número de créditos inferior a 50 para rematar os seus estudos.  Ademais, a renda per cápita da unidade familiar non poderá ser superior ao importe anual da pensión non contributiva para o ano 2016, é dicir 5.164,60 euros.

Desde o curso 2011-2012, o orzamento total destinado a tal fin foi de máis de 350.000  euros e o número de beneficiarios ascendeu a 160 estudantes, o cen por cen dos solicitantes destas becas que cumprían cos requisitos estipulados.