A Consellería de Educación destina 135.000 euros á formación en idiomas dos universitarios

O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas para estadías no estranxeiro

Ven, 27/01/2017 - 12:05

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas para que ata 150 universitarios realicen estadías no estranxeiro para mellorar o seu nivel en linguas estranxeiras. En total o departamento educativo da Xunta destina a estas bolsas 135.000 euros, cun importe de 900 euros por alumno, polo que poderán beneficiarse das mesmas ata 150 estudantes.

O obxectivo é que os estudantes de calquera das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) poidan mellorar as súas competencias en outros idiomas, nun curso que deberá desenvolverse no período comprendido entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2017, ambos incluídos. Estas axudas reafirman o compromiso do Goberno galego coa igualdade de oportunidades de todo o estudantado para acadar a excelencia, así como un estímulo en prol da mobilidade dos universitarios galegos, no marco do Espazo Europeo de Educación Superior(EEES).

Os aspirantes poderán presentar a súa solicitude a través da sede electrónica na Xunta a partir de mañá e ata o vindeiro 14 de marzo. Os termos da convocatoria poden consultarse no DOG de hoxe, no enlace web https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170127/AnuncioG0164-211216-0005_gl.html

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 14 de marzo de 2017.

Requirimentos

Poderán solicitar estas os universitarios que estean matriculados no curso 2016/17, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira, en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia, en estudos universitarios oficiais conducentes ao título de graduado, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico. Ademais, os aspirantes deberán ter superado 60 créditos con anterioridade á data de publicación da orde na titulación que están a realizar.

Así mesmo, o curso de idiomas debe ter unha duración mínima de tres semanas, con polo menos 15 horas lectivas semanais; e o idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.

Non poderán optar a esta convocatoria aqueles estudantes que foran beneficiados cunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus+ neste curso , sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país no que se están a desenvolver o devandito programa e o alumnado que xa fora beneficiario desta axuda en convocatorias anteriores.