Educación convoca 682 prazas para que o alumnado mellore as súas competencias en lingua inglesa

A Consellería sufragará entre o 87,5 e o 50% do custo destas estadías, un importante esforzo a prol da aprendizaxe de idiomas

As actividades formativas desenvolveranse en réxime residencial na Comunidade Autónoma de Galicia

Lun, 27/02/2017 - 12:57

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fai de novo este ano un importante esforzo a prol da aprendizaxe de idiomas coa convocatoria de 682 prazas para que o alumnado mellore as súas competencias en lingua inglesa en estadías lingüísticas. Así o alumnado galego de ESO e de bacharelato poderá optar a bolsas para realizar estadías formativas en réxime residencial na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o día 27 de febreiro esta convocatoria, cuxo prazo de solicitude estará aberto do 28 de febreiro ao 27 de marzo –ambos os días incluídos-, con axudas a través das que a Consellería sufragará entre o 87,5 e o 50% do custo das estadías que realice o alumnado beneficiario.

No caso do alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, convócanse 92 prazas, en réxime residencial na Comunidade Autónoma de Galicia, en estadía de unha semana e con profesorado nativo.

No caso do alumnado de 1º, 2º, 3º, e 4º da ESO, convócanse 590 prazas, en réxime residencial na Comunidade Autónoma de Galicia, en estadías de dúas semanas e con profesorado nativo.

Solicitudes

As persoas interesadas poderán realizar a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta, no enlace web https://sede.xunta.es, ou seguindo as instrucións correspondentes da aplicación dispoñible a través da dirección web http://www.edu.xunta.gal/axudasle, onde tamén se farán públicas as listaxes cos nomes dos alumnos e das alumnas que se beneficiarán das achegas, ou presentando o formulario normalizado, dispoñible na sede electrónica da Xunta, por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para obter as bolsas,os candidatos e as candidatas terán que estar cursando 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou 1º ou 2º de bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de réxime xeral, durante o curso 2016-2017, na Comunidade Autónoma de Galicia; ter unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira (inglés) de Ben ou 6 no curso 2015/2016, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico. Os criterios para o baremo, puntuación e determinación das achegas familiares serán a nota media do expediente académico no curso 2015/2016 e a renda per cápita da unidade familiar. Ademais, terase en conta o feito de pertencer a unha familia numerosa, contar con algún membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez. Igualmente, contará o feito de non ter sido beneficiario dunha axuda destas características na convocatoria do ano pasado.

Contacto idiomático

O propósito desta iniciativa, enmarcada no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, non é só que o alumnado asistente aprenda un idioma estranxeiro, senón que este idioma o poñan en práctica durante todo o día nas diversas actividades que está previsto que se realicen, nas que se inclúen competicións deportivas, xogos, obradoiros, excursións ou veladas nocturnas. Todo isto permitirá darlle unha formación lingüística, social, cultural e ambiental ao alumnado, promovendo unha inclusión total en lingua inglesa.