Educación estende a outros 109 comedores as novas esixencias en materia de calidade dos menús

A Consellería vén de publicar na plataforma de contratación a licitación dun novo lote de comedores, na que gaña peso a calidade sobre a oferta económica

Establécense relacións de menús fixas, a fin de que se garanta o correspondente equilibrio nutricional das comidas

Ademais, valorarase con ata cinco puntos o emprego de lácteos de orixe galega e a redución de fritidos e empanados nos menús

Así mesmo, as empresas deberán ter un centro de produción a menos de 200 quilómetros dos colexios onde se realice a prestación do servizo

Ven, 26/05/2017 - 11:20

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar na plataforma de contratación a licitación de 24 lotes para a xestión de 109 comedores escolares durante o curso 2017/18, o que supón unha cantidade aproximada de 2 millóns de menús, polo importe de 8.175.694,44 euros. A este novo prego de contratacións esténdense os criterios de mellora que a Consellería xa introduzo na última licitación parcial de 20 comedores celebrada en febreiro de 2016, engadíndose novos criterios e determinacións substanciais destinadas a acadar unha óptima xestión do servizo. A licitación publicarase no Diario Oficial de Galicia a próxima semana, pero xa se pode consultar no enlace http://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?N=165716 .

Deste xeito, as empresas que se propoñan para xestionar os 24 lotes deberán cumprir requisitos como acreditar ante a Administración educativa – cando non empreguen as propias cociñas do centro - que as instalacións estean a menos de 200 quilómetros do  colexio sinalado como referente en cada lote. Ademais, estas instalacións teñen que estar debidamente rexistradas e amparadas polas autorizacións sanitarias e administrativas. Así mesmo, o licitador deberá presentar unha declaración responsable mediante a que, no caso de resultar adxudicatario, está obrigado a poñer a disposición dos centros todos os materiais requiridos para o axeitado servizo e quentamento, rexeneración ou refrixeración de menús.

Por outra banda, tamén se reduce o peso porcentual da oferta económica –que pasa de 50 puntos sobre 85 que figuraba na anterior licitación a 45 puntos sobre 100 que rexe na actual licitación- ao introducir novas melloras puntuables, que perseguen unha maior calidade do servizo, como é o compromiso voluntario do licitador de empregar produtos lácteos de orixe galega, que se valora con 5 puntos.

Equilibrio nutricional

Co fin de acadar un mellor equilibrio nutricional establécense relacións de menús fixas que deberán obrigatoriamente servir as empresas licitadoras adxudicatarias, e que están  avaliados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, no marco da Guía de axuda para programar os menús escolares, elaborada pola Xunta de acordo coa normativa de seguridade alimentaria e os estándares nutricionais nacionais e internacionais.

Cada licitador poderá elixir, para a temporada outono-inverno e para a temporada primavera-verán, 10, 15 ou 20 menús fixos, que serán servidos sucesivamente, segundo a orde prevista na relación elixida. Isto mellora o sistema anterior, no que os licitadores escollían os menús sobre unha táboa de 40 dispoñibles.

Ditos menús cumpren coa seguinte frecuencia semanal na súa composición alimenticia:

Compoñente

Frecuencia mínima

Verduras e hortalizas

Tres veces/semana

Arroz ou pasta

Dúas veces/semana

Legumes

Unha vez/semana

Peixe fresco/conxelado

Dúas veces/semana

Carne

Dúas veces/semana

Froita

Catro veces/semana

Sobremesas lácteas

Unha vez/semana

 

Auditorías  e integración

Así mesmo, esténdese tamén a estes lotes a esixencia de que a Consellería lle reteña ás empresas o 1% do orzamento de adxudicación, unha contía que se destinará directamente a realizar auditorías periódicas (a través de empresas especializadas en auditoría de calidade hixiénico-sanitaria e nutricional) co fin de comprobar o cumprimento dos pregos que rexen o contrato e garantir que os ingredientes utilizados na elaboración dos pratos, o tamaño das racións e a preparación e presentación cumpran cos estándares nutricionais previstos na devandita guía

Asemade, cómpre salientar que se reserva un dos lotes para centros especiais de emprego, é dicir, aqueles que dan traballo a persoas con discapacidade, en aras dunha maior integración.