Román Rodríguez sitúa o plurilingüismo como vía para preparar aos alumnos para os retos da sociedade global

O conselleiro anima aos centros galegos a seguir construíndo o “universo do plurilingüismo”, que na actualidade conta con tres estrelas nacidas ao abeiro da nova Estratexia galega de linguas estranxeiras: Plurinfantil, PluriFP e Pluribach

Lembra que EDUlingüe 2020 permitiu por primeira vez este curso estender o modelo plurilingüe a todas as etapas, logrando acadar 83 centros en infantil, 4 en bacharelato e 12 ciclos formativos

O titular do departamento educativo recoñece o esforzo do profesorado á hora de mellorar a súa formación co obxectivo de ofrecer máis oportunidades ao alumnado

Mér, 15/11/2017 - 12:18
Román Rodríguez sitúa o plurilingüismo como vía para preparar aos alumnos para os retos da sociedade global

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, definiu o modelo plurilingüe no ensino (combinar as dúas linguas cooficiais cunha estranxeira) como “moito máis que un proxecto educativo”. Significa, nas súas palabras, “dar máis oportunidades para o alumnado con independencia da súa situación social ou económica, significa preparar aos mozos e ás mozas para os retos da actual sociedade globalizada, e significa mellorar as perspectivas laborais dos, mañá, futuros profesionais”, salientou con motivo da entrega de distincións aos centros educativos que este curso ampliaron o plurilingüismo a infantil, Formación Profesional e bacharelato.

Estas distincións, con forma de estrela de diferentes cores para cada etapa, recibíronas os 83 centros que estenderon este curso 2017/18 o plurilingüismo a educación infantil (Plurinfantil), os 4 que fixeron o propio en bacharelato (Pluribach) e outros 7 que, por primeira vez, ofertan un total de 12 ciclos formativos plurilingües (PluriFP).

Tal e como lembrou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, a extensión do modelo plurilingüe a todas as etapas (ata agora só estaba presente en primaria e secundaria) é unha das novidades que introduce a Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020, presentada o pasado mes de xuño.

Empregando o símil das estrelas acreditativas, Román Rodríguez explicou que o seu departamento “hai tempo que decidiu descubrir e explotar as potencialidades do universo do plurilingüismo”. Deste xeito, cómpre resaltar que no curso 2008/09 non había ningún centro plurilingüe, mentres que hoxe xa son 322.

Así mesmo, o número de auxiliares de conversa multiplicouse por 8: pasando de 67 aos 550 actuais. Tendo en conta esta evolución en positivo, así como as novas accións enmarcadas dentro de EDUlingüe, o conselleiro animou a todos os centros a seguir construíndo este “universo do plurilingüismo”.

Compromiso e esforzo do profesorado

Neste contexto, quixo agradecer a implicación dos centros que desenvolven algunha das accións da estratexia, e sobre todo o “sobre esforzo do profesorado”, destacou, posto que se implica e que compromete no proxecto ampliando a súa propia formación, co obxectivo último de ofrecerlle máis oportunidades ao seu alumnado.

EDUlingüe 2020, en cifras

Galicia conta na actualidade cun total de 322 centros plurilingües, 40 máis con respecto ao curso 2016/17. Isto significa multiplicar por máis de 5,5 o número de centros plurilingües que había no curso 2010/11 (un total de 58).

En canto ás seccións bilingües, aumentaron en 231 ata chegar ás 4145, un 6% máis con respecto ao curso pasado. En concreto, son 110 os centros que incorporan seccións bilingües, dos que 34 o fan por primeira vez. En canto ás linguas estranxeiras das novas seccións, 223 son de inglés, 6 de francés e 2 de portugués. Se se teñen en conta os datos do curso 2008/09, no que había 720 seccións, a actual cifra supón multiplicar por case 6 este número.

No caso do profesorado, unha das medidas incluídas no Plan anual de formación do profesorado para o curso 2017/18 é o plan específico en linguas, dotado este ano de 2.500 prazas, que busca promover a certificación de nivel dos docentes.

Entre os obxectivos da estratexia EDUlingüe no horizonte 2020 está alcanzar os 500 centros plurilingües, 600 novas seccións bilingües e duplicar o número de auxiliares de conversa ata chegar aos 1000. Ademais, tamén se favorecerá a certificación de nivel do alumnado ao remate da etapa, co fin de que o 30% dos mozos e mozas que finalicen a ESO en centros plurilingües certifiquen un nivel B1, e o 30% dos de bacharelato faga o mesmo en B2.