Máis de 1.100 internos reciben formación nos centros educativos da Consellería de Educación dos centros penitenciarios galegos

As ensinanzas van desde o nivel básico ata o Bacharelato

Os estudantes participan en diversas iniciativas, entre as que se atopan os programas europeos Grunditvg ou obradoiros de lectura

Decenas de docentes desempeñan o seu labor nestes centros, elaborando ademais materiais axeitados ás necesidades deste alumnado

Dom, 24/04/2011 - 11:48

O esforzo e a superación persoal é unha das actitudes máis valoradas pola Consellería de Educación e ordenación Universitaria entre estudantes. Por iso o departamento educativo da Xunta de Galicia amósase especialmente satisfeito polos logros que máis de 1.100 internos dos centros penitenciarios de Galicia acadan día a día nas aulas dos centros de Educación para Adultos instalados en Teixeiro, Bonxe, Monterroso, Pereiro de Aguiar e A Lama. Persoas que, malia as súas particulares circunstancias, traballan para acadar novos coñecementos e mellorar as súas opcións de futuro.

Nesta tarefa xogan ademais un papel fundamental as decenas de docentes que desempeñan o seu labor nestes centros, e que apoian a estes alumnos, realizando tamén un esforzo especial para adaptarse aos seus horarios flexibles, e elaborando materiais axeitados para as súas especiais necesidades.

Niveis e linguas

Nas EPA dos centros penitenciarios impártense ensinanzas os niveis máis básicos de ensino, a secundaria e o Bacharelato. Ademais no centro de Bonxe ofértanse módulos do ciclo de Formación Profesional de grao medio en Fabricación á medida e instalación de carpintería e moble.

No caso dos centros que non dispoñen do Bacharelato, como o de Teixeiro, os estudantes cursan o Bacharelato a distancia do IES San Clemente de Santiago de Compostela, aínda que os profesores do propio centro organizan titorías de apoio para estes alumnos. Algo similar ocorre en Monterroso, onde o alumnado matriculado na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) pode asistir ás clases xa que, tal e como explican desde o propio centro “pola nosa experiencia sabemos que acudindo diariamente ás aulas as posibilidades de éxito dos alumnos aumentan”.

Cómpre lembrar que boa parte dos matriculados nas EPA destes centros son de nacionalidade estranxeira, polo que os cursos de galego e español para estranxeiros gozan dunha gran popularidade, e contan con diversos niveis, desde o de alfabetización ata o avanzado.

Iniciativas innovadoras

Máis aló das ensinanzas regradas, os internos desenvolven, xunto cos seus profesores, todo tipo de iniciativas didácticas que, pola súa calidade, están a ser recoñecidas con galardóns, e que constitúen proxectos de gran alcance mediático e institucional.

Así o ‘Programa de Intervención en réxime pechado e na comunidade terapéutica’ desenvolvido na Lama (Pontevedra) entre a EPA e o equipo de tratamento do centro para atender a todos aqueles internos que non poden asistir habitualmente ás clases – por razóns terapéuticas ou por teren un réxime penitenciario diferente dos seus compañeiros-, vén de obter o premio Miguel Hernández 2010 outorgado polo Ministerio de Educación, que recoñece a importancia da eliminación das desigualdade diante da educación e a supresión das discriminacións dos grupos desfavorecidos diante da formación básica.

O alumnado organiza e participa tamén en diferentes actividades, como os obradoiros de lectura , semana da música, da pintura, festa do libro, festa das Letras Galegas..., que contan coa implicación de todos os membros da comunidade educativa.

Entre outros proxectos realízanse obras de teatro – que conta  cunha gran acollida entre o alumnado, segundo expoñen desde Teixeiro-, e particípase en concursos como o  de carteis convocado este ano pola Secretaría Xeral de Política Lingüística arredor da figura de Lois Pereiro, a quen se lle dedican as letras galegas 2011. Ademais os interno de Teixeiro están a elaborar, co asesoramento do Centro de Formación e Recursos (CEFORE) da Coruña, unha páxina web do centro educativo, no marco das webs dinámicas da Consellería de Educación.

Ademais, centros como o de Monterroso veñen traballando na elaboración de diferentes materiais para o alumnado, tales como o método ‘Nahono’, de alfabetización para estranxeiros - /portal/nahono- ; ou os libros ‘Paso a Nivel’, tres diferentes módulos confeccionados polos profesores de secundaria deste centro e publicados pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT).

Intercambio de experiencias

Unha das vontades destas comunidades educativas é a da traspasar os muros dos seus respectivos centros e achegar as súas experiencias ao resto dos compañeiros. Deste xeito desde os centros penitenciarios favorécese a participación do alumnado en proxectos europeos como o Grundtvig, co fin de compartir experiencias e dar a coñecer en España e en outros países os métodos de traballo deste alumnado.

Así, en Monterroso desenvolvéronse o proxecto ‘El Corazón Lejano’ (http://theheartfaraway.blogspot.com/ ), baseado na autobiografía como medio, e que concluíu coa publicación dun libro que recolleu as autobiografías dos alumnos participantes; e “Sin Barreras” (http://withoutbarriers.blogspot.com/2011/03/santiago-desde-mi-celda-to-santiago.html ), dirixido aos internos de nacionalidade estranxeira. No marco desta última iniciativa os participantes realizaron o Camiño de Santiago, unha experiencia que recolleron no libro A Santiago desde mi celda, que vén de ser publicado pola Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés. Na actualidade neste mesmo centro están a desenvolver outros dous proxectos Grundtvig, un deles analizando as necesidades dos refuxiados (http://grundtvig2009-2011.blogspot.com/ ), e outro arredor da violencia infantil e nas aulas (http://grundtvigprojectnomoretears.blogspot.com/ ).

É preciso ademais que o resto dos membros da comunidade educativa galega coñezan os traballo que se está a levar a cabo nestas EPAs. De aí que Teixeiro se decidira a poñer en marcha o Proxecto ANOCA (Aprender no cárcere), desenvolvido por profesorado do centro en institutos da provincia da Coruña aos que acoden con 2 alumnos autorizados, así como en facultades universitarias, onde se dá a coñecer aos futuros docentes o ensino no cárcere. O desenvolvemento das sesións e as opinións dos participantes nas mesmas pódense seguir no blog do proxecto, http://proxectoanoca.blogspot.com/.

Todas estas iniciativas dan boa conta do interese deste alumnado por medrar no seu desenvolvemento persoal e por adquirir novos coñecementos e experiencia, o que sen ningunha dúbida constitúe un exemplo a seguir para o conxunto do sistema educativo galego.