Lois Pereiro chega aos centros educativos de Galicia a través do concurso-exposición Letras Galegas 2011, organizado pola Consellería de Educación

O conselleiro de Educación e o responsable de Política Lingüística entregaron hoxe os premios do certame

Os gañadores desta edición foron o CEIP de Laredo e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia

A consellería distribuíu os carteis das exposicións premiadas en máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior

Xov, 12/05/2011 - 13:37
O conselleiro de Educación e o responsable de Política Lingüística entregaron ho
O conselleiro de Educación e o responsable de Política Lingüística entregaron hoxe os premios do certame

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, entregaron esta mañá os premios do Concurso-Exposición Letras Galegas 2011, que este ano recaeron no CEIP de Laredo, en Redondela, e na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Os premios están organizados, un ano máis, pola Xunta de Galicia.

O conselleiro de Educación gabou o traballo realizado polos centros gañadores. “Coa base da obra e da vida do poeta de Monforte creastes unha realidade diferente, única e auténtica”, afirmou. “Os vosos traballos –engadiu– partiron da obra extraordinaria e inmortal de Lois Pereiro, que trata temas cruciais do ser humano, como a vida, os soños, o amor, a enfermidade ou a morte”.

Xesús Vázquez afirmou que estes temas da literatura universal se abordan “xeración tras xeración en diversas linguas, pero Lois Pereiro decidiu transmitírnolos en galego, na súa lingua creativa”. “Por iso –asegurou– a súa mensaxe nos chega máis directa e profundamente”.

O labor dos equipos de dinamización da lingua galega

Pola súa parte, Anxo Lorenzo destacou o labor dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino. Neste sentido, asegurou que constitúen “un amplo tecido de dinamización lingüística que traballa desde hai anos no ensino con resultados moi positivos grazas a dúas características principais: que inciden na mesma poboación durante anos de maneira continuada e que o profesorado que está detrás dos equipos a miúdo ten unha implicación e un entusiasmo pola tarefa dinamizadora e pola tarefa educativa que soborda os límites do estrito deber”.

Por iso, “a secretaría xeral leva facendo un esforzo grande de recoñecemento, financiamento, orientación, coordinación e difusión do labor dos equipos que deu froitos especialmente positivos nos últimos anos”, declarou.

No acto de entrega de premios tamén participaron a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares; o xefe territorial de Educación de Pontevedra, César Pérez, e mais o concelleiro de Cultura de Redondela, Eduardo Reguera.

Distribución dos carteis gañadores en todos os centros de ensino

Os grupos de traballo que realizaron as exposicións premiadas recibiron cadanseu diploma acreditativo e mais un premio en metálico por importe de 4.000 euros, nun acto celebrado esta mañá no CEIP de Laredo, en Chapela, Redondela. Os carteis gañadores foron distribuídos este mes das letras pola consellería en máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior, nos que se inclúen centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura.

Conmemorar as Letras Galegas

O departamento que dirixe Xesús Vázquez quixo sumarse á conmemoración do Día das Letras Galegas 2011 a través da convocatoria deste concurso-exposición que está dirixido a todos os centros de ensino non universitario de titularidade da consellería. Con esta iniciativa pretende impulsar o estudo da obra de Lois Pereiro entre o alumnado, favorecera reflexión sociolingüística sobre o contexto en que viviu, impulsar a realización de actividades que fomenten a colaboración interdepartamental e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado e enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega.