A Consellería de Educación publicará unha orde que abre a porta á ampliación do número de institutos históricos de Galicia

Carmen Pomar inaugurou hoxe a mostra que compila o patrimonio custodiado por estes centros

Será a primeira normativa específica para os centros que teñen esta consideración

Ven, 18/01/2019 - 12:10
A Consellería de Educación publicará unha orde que abre a porta á ampliación do número de institutos históricos de Galicia

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, inaugurou esta mañá a mostra Homo Sapiens, transmisor do coñecemento. Saberes humanos a través do patrimonio nos Institutos Históricos de Galicia, que se pode visitar no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega). Durante a súa intervención a titular do departamento educativo da Xunta anunciou que nos vindeiros meses se publicará unha orde que por primeira vez vai regular os Institutos Históricos de Galicia e que abrirá a porta a ampliar o seu número, ao fixar as características coas que deberán contar para ter esta consideración.

Carmen Pomar explicou que esta exposición contribúe a divulgar o Patrimonio Histórico Educativo que, como tal, forma parte do patrimonio cultural de Galicia. “Unha ferramenta formativa que permite tanto o coñecemento da nosa propia historia, como a interpretación da diversidade cultural no mundo no que vivimos”. Neste sentido agradeceu aos Institutos Históricos o seu compromiso coa salvagarda destas pezas “que, no seu tempo, foron recursos educativos pioneiros”.

Así mesmo a conselleira puxo en valor o traballo do Mupega, “que nos lembra que fixo falta a contribución de moitos profesionais para que as novas realidades puidesen prender na nosa comunidade”, a selección dos materiais e, tamén, “a inmellorable disposición da comunidade educativa para participar neste proxecto que nos permite lembrar os camiños polos que chegamos aquí”.

Rede Mupega

Cómpre lembrar que neste momento están considerados Institutos Históricos da Rede Mupega (por ser extensións do museo que custodian patrimonio histórico educativo) un total de seis centros, en concreto os IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña), Salvador de Madariaga (A Coruña), IES Lucus Augusti, Ramón Otero Pedrayo (Ourense), Sánchez Cantón (Pontevedra) e Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela).

Estes centros foron creados en torno a 1845, momento clave na historia da educación polo denominado Plan Pidal, que encamiñou o paso dos estudos do Antigo Réxime cara a un novo sistema educativo no que a formación se divide en tres niveis: primaria, secundaria e superior. Conforme á lexislación da época, estes institutos foron dotados cunha biblioteca, un gabinete de Historia Natural, laboratorios de Ciencias Naturais, Agricultura, Física,  Química, Fisioloxía e Hixiene e cun Xardín Botánico, ademais de contar con materiais especiais para as ensinanzas que requiran dalgunha demostración, tales como as ciencias xeográficas, histórica, debuxo lineal e matemáticas.

A exposición inaugurada hoxe compila parte dos excepcionais fondos que custodian os Institutos Históricos de Galicia e que, en moitos casos, saen por primeira vez do centro para ser exhibidos ao público. Con esta iniciativa favorécese a divulgación destes recursos e dáse a coñecer a existencia do Patrimonio Histórico Educativo, patrimonio público de todas as galegas e galegos.

Homo Sapiens, transmisor do coñecemento. Saberes humanos a través do patrimonio nos Institutos Históricos de Galicia vai acompañada dunha programación didáctica dirixida aos centros que queiran coñecer este patrimonio. Os obradoiros e actividades terán un papel didáctico importante, xa que permitirán coñecer determinados aspectos relacionados coas pezas expostas e están adaptados a todas as etapas educativas.

Seccións

A mostra divídese en catro seccións: O ser humano, centro do coñecemento. Homo regnans, O ser humano tenta comprender o medio. Homo cogitans, O ser humano crea. Homo creator e O ser humano relaciónase. Homo socialis.

A primeira delas inclúe catro pezas: un modelo humano clástico (IES Lucus Augusti, principios do século XX), fósiles e útiles prehistóricos (réplicas da segunda metade do século XX, IES Plurilingüe Eusebio da Guarda), unha Encyclopédie (1751-1772, IES Arcebispo Xelmírez I) e unha máquina calculadora mecánica da empresa alemá Grimme (1920, IES Eusebio da Guarda) con capacidade para introducir datos de ata 9 díxitos e proporcionar resultados de ata 13 cifras.

Un total de 27 pezas compoñen a segunda sección da exposición, entre as que destacan un Estoxo de xeoloxía (2ª metade do século XIX, IES Ramón Otero Pedrayo); un anteollo terrestre (principios do século XX, IES Lucus Augusti); un aparello ideado para demostrar a existencia do baleiro e a forza da presión atmosférica e coñecido como Hemisferios de Magdeburgo (último cuarto do século XIX, IES Lucus Augusti); un ovo eléctrico (que servía para amosar como se producen as descargas eléctricas en condicións de baleiro, 1889, IES Arcebispo Xelmírez I) ou un embude de laboratorio de vidro (segunda metade do século XX, Francia, IES Sánchez Cantón).

O ser humano crea. Homo creator está integrada por cinco pezas, entre as que se pode atopar o cadro de José Seijo Rubio Santa Cristina (1934, IES Salvador de Madariaga) e o Retrato de D.Eusebio da Guarda de Gumersindo Pardo Reguera (1896, IES Eusebio da Guarda).

Pola súa banda, a sección O ser humano relaciónase. Homo socialis inclúe seis pezas. As máis salientables son un cadro de avisos de chamadas eléctrico (primeiro terzo do século XX, IES Sánchez Cantón), un dicionario octolingüe (1681, Lyon, IES Arcebispo Xelmírez I) ou un telégrafo de cuadrante emisor e receptor (1907, Alemaña, IES Arcebispo Xelmírez I).

Na inauguración da exposición a conselleira estivo acompañada polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, polos comisarios da mostra e por representantes dos Institutos Históricos de Galicia.