Educación abre mañá luns o prazo para inscribirse nas probas de acceso a ciclos de formación profesional de grao superior

O 7 de marzo abrirase o correspondente aos ciclos de grao medio

Dom, 27/01/2019 - 12:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abre este luns, 28 de xaneiro, o prazo para inscribirse nas probas de acceso a ciclos formativos de grao superior de FP. As persoas interesadas poderán anotarse para realizar estes exames ata o 8 febreiro. No caso do acceso aos ciclos de grao medio, a inscrición estará dispoñible entre o 7 e o 22 de marzo.

As solicitudes poderanse realizar de xeito telemático desde a opción Solicitude web, dispoñible na páxina www.edu.xunta.gal/fp/probas . A aplicación informática, que incorpora un asistente que facilita o proceso, xera unha instancia para imprimir que se deberá presentar nun centro de inscrición (calquera centro público dependente da Consellería con oferta de formación profesional), xunto coa documentación que se indique na instancia. En tanto que non se efectúe este trámite, non quedará feita a matrícula. No caso de solicitantes menores de idade poderán realizar a solicitude a través da aplicación informática as persoas titulares da patria potestade ou os representantes legais.

Opcionalmente, pódese optar por cubrir o formulario normalizado en pantalla, imprimilo e presentalo nun centro de inscrición xunto coa documentación necesaria. O formulario normalizado está dispoñible no portal de FP e na Sede electrónica da Xunta de Galicia.

Toda a información ao respecto pode consultarse na orde que regula as probas, no Diario Oficial de Galicia.

Grao superior

Os exames para acceder a ciclos de grao superior realizaranse o 10 de abril. Estas probas van dirixidas ás persoas que teñan polo menos dezanove anos ou os fagan no ano de realización da proba e non cumpran os requisitos académicos de acceso a ciclos formativos de grao superior (con carácter xeral, título de bacharelato, universitario, de técnico de FP ou ter superado anteriormente unha proba de acceso a estes ciclos).

A proba divídese en dúas partes, unha común (con contidos de lingua galega, lingua castelá e matemáticas) e outra específica na que o aspirante optará por unha única opción (A, B ou C) e, dentro dela, escollerá dúas materias. Na opción A poderán escollerse economía da empresa, lingua estranxeira (inglés ou francés) e filosofía; na B poderá optarse por debuxo técnico, tecnoloxía industrial e física; e na C por ciencias da terra e ambientais, química e bioloxía.

O exame dará lugar á obtención dunha certificación na que constará a nota final lograda e a cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen. No caso de superación da proba, a devandita certificación incluirá a relación de familias profesionais ás que se poderá acceder, nas condicións de admisión que se establezan.

Grao medio

As probas para acceder a ciclos de grao medio realizaranse o 28 de maio. Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoas que teñan dezasete anos ou os fagan no ano de realización da proba e que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder a eles (con carácter xeral, título de graduado en ESO, de FP Básica, de técnico auxiliar de formación profesional ou equivalentes, así como calquera dos requisitos académicos de acceso a ciclos formativos de grao superior).

A proba divídese en tres partes. Na primeira delas, a Sociolingüística, as persoas candidatas examinaranse de contidos das materias de Lingua castelá, Lingua galega e Ciencias sociais; mentres que a segunda parte será sobre a materia de Matemáticas. A terceira delas, a Científico-técnica, abranguerá contidos de Ciencias da natureza e Tecnoloxía.

A proba dará lugar á obtención dunha certificación na que constará a nota final lograda e a cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen. A superación da proba dará acceso a calquera ciclo formativo de grao medio.