Educación e os centros de investigación universitaria afondan no financiamento da excelencia científica en Galicia

A conselleira Carmen Pomar mantivo unha xuntanza de traballo coas direccións das unidades do sistema de excelencia galego para analizar conxuntamente a convocatoria de axudas para acreditación para o período 2019/22, así como o programa piloto de captación do talento

Mér, 24/04/2019 - 11:18
Educación e os centros de investigación universitaria afondan no financiamento da excelencia científica en Galicia

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional e os directores dos Centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia mantiveron hoxe unha reunión de traballo para afondar no financiamento destes axentes científicos así coma no reforzo dos seus programas.

Carmen Pomar lembrou que, ademais de manter as convocatorias tradicionais de axudas a grupos, cómpre traballar xa a catro anos vista para reforzar o liderado das unidades de excelencia galegas, blindar o seu financiamento ata 2022 e situar o sistema de investigación galego entre os máis punteiros do mapa europeo da investigación. 

Para lograr este obxectivo, tal como explicou a conselleira, desde o seu departamento desenvólvese unha actuación específica para asegurar unha liña de financiamento estable dos Centros de Investigación para o período 2019-22, que dá continuidade e consolida a existente nestes momentos; e outra para reforzar a captación do talento coa convocatoria de prazas para investigadores distinguidos.

Respecto ás axudas para acreditación e financiamento dos centros de investigación do Sistema Universitario Galego (SUG), a Consellería incorpora unha serie de melloras entre as que destaca o reforzo da dotación orzamentaria así como a mellora da elixibilidade do gasto por parte dos propios centros, o reforzo do seu liderado científico e gobernanza e medidas de apoio e sinerxías con outros programas.

Para o deseño desta convocatoria tivéronse en conta as aportacións do Comité Científico asesor dos Centros de Investigación Singulares e Agrupacións Estratéxicas de Galicia, que se reuniu para definir as liñas que fixan o modelo galego de centro de investigación competitivo e internacionalizado. Cómpre lembrar que este comité está constituído  por científicos de recoñecido prestixio de distintas áreas de coñecemento. Trátase de persoeiros de relevancia internacional como María A. Blasco (directora do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas), Carmen Castresana (profesora de Investigación do CSIC e exdirectora do CNB-CSIC), Luis M Liz-Marzán (director científico do CIC BiomaGUNE), ou  Joan Guinovart (catedrático de Biomedicina e Bioloxía Molecular e ex director do Instituto Recerca Biomedica), entre outros.

Estas axudas e programas van destinadas ás unidades que xa recibiron unha axuda na primeira convocatoria do Programa, as unidades pertencentes a universidades do SUG acreditadas nunha convocatoria de carácter estatal (María de Maeztu e Severo Ochoa) e as unidades do SUG de traxectoria conxunta amplamente recoñecida.

Na reunión de hoxe estiveron presentes os centros singulares de Galicia, representados por Manuel Penedo, en calidade de director do CiTIC (UDC), Carlos Diéguez, director do CiMUS (USC), José Luis Mascareñas, director do CiQUS (USC), Daniel Rey, director do CIM (UVigo), así como Florentino Fernández Riverola en representación do CIMBIO (UVigo); das  dúas agrupacións estratéxicas consolidadas, con Paulo Félix Lamas como director do CiTIUS (USC) e Carlos Mosquera, director do AtlanTIC (UVigo); e Carlos Salgado director do IGFAE (Instituto Galego de Física), o único centro galego distinguido co María de Maeztu. Tamén asistiron Senén Barro por parte do CiTIUS e María Dolores Pérez do CiQUS.