Arredor de 500 docentes comparten experiencias e boas prácticas no marco dos VII Encontros de Educación Infantil e Primaria

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, animou aos asistentes a participar de xeito activo nos plans de formación do profesorado que oferta a Consellería

Sáb, 11/05/2019 - 12:00
Arredor de 500 docentes comparten experiencias e boas prácticas no marco dos VII Encontros de Educación Infantil e Primaria

Arredor de 500 docentes danse cita hoxe en Santiago con motivo dos VII Encontros de Educación Infantil e Primaria, para o intercambio de experiencias e de boas prácticas. 

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar -que inaugurou a xornada- animou aos asistentes a participar de xeito activo nos plans de formación do profesorado impulsados desde o seu departamento e que permiten aplicar nas aulas os coñecementos adquiridos, xa que “os verdadeiros escenarios para a formación son os propios centros educativos”.

“Ninguén mellor que as e os docentes para facer posible que os contidos se adapten ás necesidades da contorna e se favoreza unha maior implicación e participación da comunidade educativa” abondou a conselleira, que agradeceu a asistencia a encontros deste tipo nos que se abordan prácticas e achegas que axudan a impulsar e mellorar o sistema educativo.

As diferentes conferencias que teñen lugar ao longo da xornada de hoxe afondan en temas como a educación baseada na evidencia para ensinar a ler, os experimentos científicos e o teatro na aula. O programa complétase coas boas prácticas compartidas polos CEIP María Pita (A Coruña), co proxecto coeducativo Tripulando a igualdade, e Barouta (Ames), co proxecto Embarouta-t.