A Consellería de Educación abre a convocatoria para incorporar os Espazos Maker a outros 10 centros educativos públicos

A decena de centros que xa contan con este recurso poderán continuar a súa permanencia no programa

Dom, 21/07/2019 - 11:10

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica no portal educativo a convocatoria para incorporar os Espazos Maker a outros 10 centros educativos públicos. Ademais, darase continuidade aos 10 centros que participaron neste programa educativo durante o curso 2018/19.

O programa Espazos Maker pretende a creación nos centros educativos, de lugares que fomenten a creatividade e a formación de alumnado nun contexto de aprender facendo, isto é, baseándose na aprendizaxe activa e manipulativa, a través do deseño, a solución de problemas e a aprendizaxe entre iguais.

Estes espazos funcionarán como centros de actividades nos que mediante distintas dinámicas como obradoiros tanto alumnado como profesorado, e no seu caso as familias, poden desenvolver proxectos mediante a experimentación, o prototipado e a construción. Poden ser desde pequenas prácticas de investigación a proxectos baseados na abordaxe de problemas reais, e mesmo cun enfoque Fab Lab de fabricación e innovación a pequena escala.

Dotación de material

Os 10 centros que se incorporen ao programa recibirán unha dotación de material necesario para organizar o espazo Maker no centro, que estará formada por un equipo de procesado audiovisual (composto por estación de procesado, pantalla grande de calidade e 2 tabletas), e equipamento audiovisual (cámara dixital de foto e vídeo con obxectivos intercambiables e trípode, trípode de alta estabilidade, gravador de audio, cascos auriculares, sistema de gravación completo, equipo multifunción color tamaño A3 e escáner 3D).

A dotación material incluirá tamén mobiliario metálico (carro para desprazar pequena equipación  e banco de traballo ou superficie fixa de traballo para maquinaria) e un kit de pequena maquinaria e ferramenta formada por trade eléctrico e accesorio para uso en columna, trade de batería, mini trade de bricolaxe con set de consumibles e accesorio para uso en columna, lixadora delta e set completo de lixas de diferente grao e para materiais distintos, caladora con set completo de follas de corte, sistemas de aspiración de seco e húmido semiprofesional, cortadora-fresadora CNC, conxunto de ferramenta manual, soldador de estaño, conxunto de coitelos de precisión pistola de pegamento termofusible con consumibles, pistola de aire quente con consumibles, pistola de aire quente regulable e máquina de coser.

Cada centro educativo ao que vai destinado esta convocatoria, dentro da súa autonomía, poderá integrar este programa educativo de acordo coa dispoñibilidade de espazos e a organización escolar que mellor se axuste ao desenvolvemento do mesmo.

O programa, enmarcado na Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020), vai dirixido ao alumnado que curse educación secundaria obrigatoria ou bacharelato, polo tanto poderán presentar solicitude os centros públicos que impartan estas ensinanzas. A solicitude e a documentación débese presentar en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Ademais, tanto o anexo como a documentación remitiranse ao correo electrónico espazostem@edu.xunta.gal. O prazo de presentación de solicitudes e documentación finalizará o 30 de setembro de 2019.