Educación colaborará con asociacións de apoio a discapacitados da provincia de Pontevedra para o traslado a centros escolares de 91 alumnos

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad asinará acordos con ACEESCA, ASPANAEX e AMENCER-ASPACE

Os acordos cobre os desprazamentos entre o fogar e o centro educativo, e as viaxes en horario escolar aos centros de rehabilitación

Xov, 30/06/2011 - 18:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria colaborará con asociacións de apoio a discapacitados da provincia de Pontevedra para que o alumnado con discapacidades poida desprazarse aos seus respectivos centros educativos.

Deste xeito, 91 alumnas e alumnos beneficiaranse dos convenios de colaboración coa Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo del Amor (ACEESCA), coa Asociación en favor das persoas con discapacidade intelectual da provincia de Pontevedra (ASPANAEX) e coa Asociación de Atención á Parálise Cerebral e Afíns AMENCER-ASPACE, aos que deu hoxe o visto e prace o Consello da Xunta.

Servizos prestados

Ao abeiro destes convenio, financiarase o importe dos desprazamentos  de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares , así como a ou desde os centros en que reciban tratamento rehabilitador, cando este coincida co horario escolar. O servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que estes necesitan, e nel prestaranse os pertinentes servizos de acompañamento e atención ao alumnado trasladado. Ademais, nos vehículos poderán viaxar os coidadores daquelas persoas que precisen atención individualizada, continua e permanente. Pola súa banda, a consellería farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos

O obxectivo destes acordos é dar resposta ás necesidades de escolares con distintos tipos de discapacidades, que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades física e psíquicas particulares.

Coa sinatura deste convenios a consellería reafirma o seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego, para fomentar o seu acceso á escolarización en igualdade de condicións.