Galicia sitúase por riba da media española en tres das catro competencias avaliadas na evaluación general de diagnóstico 2010

A proba, que se desenvolveu a nivel estatal, testou as competencias de 1.591 alumnos de 50 centros galegos

A Consellería de Educación continúa a traballar pola calidade do ensino, co fin de mellorar os resultados do alumnado galego

Mér, 06/07/2011 - 16:45

Os resultados da Evaluación General de Diagnóstico 2010 presentados hoxe en Madrid revelan o alumnado galego supera a media española (establecida en 500 puntos) en tres das catro competencias avaliadas, e que Galicia se atopa na media das 17 Comunidades Autónomas, con puntuacións entre 480 e 520 puntos.

Deste xeito, as alumnas e alumnos de segundo da ESO, curso no que se pasou a proba, acadaron un resultado de 515 puntos na competencia social e cidadá, a cuarta mellor puntuación acadada entre todas as comunidades. Quedan só por diante, cunha diferenza mínima respecto dos 529 puntos acadados por Madrid e Castela e León, os 528 da Rioxa, e os 519 de Navarra.

Tamén por riba da media, Galicia obtén 506 puntos na competencia en coñecemento e interacción co mundo físico, dentro do grupo de comunidades con promedios situados na franxa entre 480 e 520 puntos. De feito só dúas autonomías presentan resultados promedios superiores de forma significativa a 520 puntos nesta competencia. No caso da competencia matemática, o resultado acadado polo alumnado avaliado é de 502, co que se consigue superar a media española, quedando tamén dentro do grupo de comunidades con puntuacións intermedias. Só unha comunidade é quen se superar de forma significativa os 520 puntos nesta competencia.

Unha estratexia para a mellora

Os resultados na competencia en comunicación lingüística quedan, porén, por debaixo da media española, con 487 puntos. Neste sentido, e para revertir a situación, a Consellería de Educación está a desenvolver unha estratexia de fomento do hábito lector entre os máis novos arredor do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, información, aprendizaxe). Ao abeiro deste plan desenvólvese ademais o de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), que ten duplicado o número de centro beneficiados desde o inicio de lexislatura.

De feito a Consellería vén de incorporar 83 centros educativos á rede dos beneficiados polo PLAMBE No curso 2010/2011 estiveron integrados no Plan de Mellora 374 centros, dos que 134 son institutos de ensino secundario, o que significa que o 51% do total deste tipo de centros, de titularidade pública estaban incluídos neste programa.

Desta forma a Consellería de Educación continúa a traballar pola calidade do ensino en Galicia, co fin de mellorar as competencias do alumando galego. Neste sentido cómpre lembrar que no que atinxe a comprensión lectora o PISA 2009 revelou unha puntuación de 7 puntos máis que a obtida no ano 2006 no mesmo informe; e 5 máis que a media española.

A Evaluación General de Diagnóstico 2010, que se desenvolveu a nivel estatal, testou as competencias de 1.591 alumnos de 50 centros galegos, nos que se pasou aproba en maio de 2010.