Carmen Pomar visita o alumnado participante na English Week e na semana STEM

A conselleira de Educación desprazouse ata o Centro de Inmersión Lingüística dos Peares para comprobar o desenvolvemento destas actividades

Ambas actividades son totalmente de balde para as familias

Mér, 11/12/2019 - 12:50
Carmen Pomar visita o alumnado participante na English Week e na semana STEM

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe ao alumnado participante na English Week e na Semana STEM, dúas actividades impulsadas desde o departamento educativo da Xunta de Galicia no marco da Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020 (EDUlingüe) e da Estratexia galega de educación dixital (Edudixital 2020), respectivamente. Ambas estadías son totalmente de balde para as familias

Un total de 1125 alumnas e alumnos participarán ata xaneiro na English Week, en quendas dunha semana de duración, en réxime de internado nun campamento con profesores e monitores nativos en inglés, onde compaxinarán as actividades formativas con outras de carácter lúdico. Como novidade este ano o alumnado participante está acompañado por un profesor/a de inglés ou outro/a profesor/a do seu propio centro cun coñecemento da lingua inglesa adecuado para participar no devandito programa de inmersión nesta lingua durante o desenvolvemento da actividade.

O obxectivo principal desta actividade é proporcionar ao alumnado participante unha actividade  de  inmersión  lingüística  que  lles  permita  mellorar  as  súas  destrezas  de  comprensión  e  expresión  oral  en  lingua  inglesa. Para iso, organízanse tanto actividades académicas como de tempo libre e obradoiros, de tal forma que se reforce a un tempo o programa ordinario do currículo dos alumnos e das alumnas e a convivencia entre eles, promovendo a comunicación en lingua inglesa entre os participantes.

Neste momento están a participar na English Week alumnas e alumnos de 6º de Primaria dos CEIPs Plurilingües de Sigüeiro (Oroso), Ribadavia (Ribadavia), de Conmeniño (O Grove) e da Ribeira (O Porriño).

Semana STEM

No caso da Semana STEM, esta semana están a participar nesta actividade alumnas e alumnos dos IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo) e Agra de Raíces (Cee). Este campamento de innovación educativa impulsado pola Xunta de Galicia está dirixido a rapaces de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros públicos galegos, co obxectivo de ampliar os seus coñecementos científico-tecnolóxicos a través de estadías dunha semana de duración en réxime de internado.

Neste sentido, con estas actividades promóvese a convivencia entre o alumnado, o traballo en equipo, o aprender facendo mediante un enfoque “maker”, a creatividade e a motivación para mellorar a súas competencias STEM. Ao igual que ocorre na English Week, as actividades non só son académicas, senón tamén de carácter lúdico e servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo do alumnado nas aulas.

Deste xeito, as estadías proporcionan un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumente o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.