Educación formará a quince docentes no curso de Postgrao de Especialización na Educación Emocional da USC

Carmen Pomar e Antonio López asinaron un convenio de colaboración

O obxectivo é que o profesorado participante adquira a preparación necesaria para converterse en especialistas nesta materia

Mar, 04/02/2020 - 12:25
Educación formará a  quince docentes no curso de Postgrao de Especialización na Educación Emocional da USC

Ata 15 docentes, que serán determinados pola Consellería a través dunha convocatoria pública, están a punto de iniciar  o curso de Postgrao de Especialización na Educación Emocional que imparte a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Así se establece no convenio de colaboración que veñen de asinar a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o reitor da USC, Antonio López, a través do que a Consellería de Educación, Universidade e  Formación do profesorado achegaralle á Universidade 25.740 € para contribuír ao desenvolvemento de proxectos de investigación que impliquen un avance no eido da Educación Emocional.

O obxectivo é que, despois da formación recibida, o profesorado participante teña adquirido a preparación necesaria para converterse en especialistas en Educación Emocional. Trátase de crear unha rede de persoas expertas no eido da educación emocional que, tras un proceso de formación en cascada, lles permita trasladar os seus coñecementos a todo o profesorado interesado nesta temática.

A cooperación desenvolverase a través da reserva de 15 prazas para docentes na devandita titulación. Entre os contidos da formación figuran as seguintes temáticas: Marco conceptual da educación emocional; Neurociencia e emocións; Xestión das emocións; Liderado emocional, plano social e individual; Entrenamento das competencias emocionais; Educación emocional en acción, aplicacións e experiencias; Deseño e avaliación en educación emocional e Elaboración dunha proposta de intervención desde a Educación Emocional. Moitas delas figuran  no temario deste curso na actualidade

Selección dos docentes

A selección do profesorado participante farase a través da convocatoria publicada xa no Portal Educativo da Xunta de Galicia. O prazo para presentar as solicitudes é de 5 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria, isto é, do 3 ao 7 de febreiro de 2020.

Poderá  solicitar  a  participación  nesta  actividade  formativa  o  persoal  funcionario  de carreira  dos  corpos docentes  que  impartan as  ensinanzas  establecidas  na  Lei  orgánica 2/2006,  do  3  de  maio,  de  educación,  que  desempeñe  as  súas  funcións  en  centros docentes públicos. Os  criterios  xerais  para  a  selección  de  participantes  serán  os  establecidos  no  plan anual do profesorado para a modalidade de cursos presenciais e mixtos.

No referido aos criterios   específicos   de   selección   para   actividade,   en   concordancia   cos establecidos   pola   USC   para   a   realización   do   curso   de especialización, valorarase a formación en educación emocional –en calidade de asistente ou persoa relatora– e a experiencia  profesional  no  desenvolvemento de  accións  ou programas referidos  á  educación  emocional –en  calidade  de  persoa coordinadora,  asesora  ou  titora  en rede–; en ambos casos acreditada   polas   estruturas   de   formación   da   Consellería .

As  solicitudes  dirixiranse  á  Dirección  Xeral  de  Educación,  Formación  Profesional  e Innovación Educativa e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na Sede Electrónica   da   Xunta   de   Galicia. Para  a  presentación  das  solicitudes  poderá  empregarse  calquera  dos  mecanismos  de identificación e  sinatura  admitidos  pola  sede  electrónica  da  Xunta de Galicia,  incluído o sistema de usuario e clave Chave365.