Educación convoca os Premios fin de carreira para titulados superiores de música, arte dramática, conservación e restauración de bens culturais e deseño

A conselleira Carmen Pomar visitou a EASD Pablo Picasso, na Coruña

Como recoñecemento ao rendemento académico dos estudantes de ensinanzas artísticas superiores, que non estaban contemplados nas convocatorias anuais dos Premios Fin de Carreira da Comunidade Autonómica

Xov, 13/02/2020 - 17:52
Educación convoca os Premios fin de carreira para titulados superiores de música, arte dramática, conservación e restauración de bens culturais e deseño

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de convocar, por primeira vez, os Premios Fin de Carreira para o alumnado que remata os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia, que non estaban incluídos nas convocatorias anuais destes galardóns para titulados de ensinanzas superiores. 

Así o recolle o Diario Oficial de Galicia do pasado venres, tal e como apuntou hoxe a conselleira de Educación, Carmen Pomar, no decurso dunha visita institucional á EASD Pablo Picasso da Coruña, co fin de coñecer as instalacións deste centro e entrevistarse co equipo directivo.

O obxectivo destes Premios -que xa existen para o resto de graos universitarios- é que os estudantes de ensinanzas artísticas superiores de Galicia estean en igualdade de condicións e de oportunidades que o resto dos titulados universitarios no que atinxe á excelencia no rendemento académico e ao recoñecemento do seu esforzo, traballo e dedicación. Uns premios que ademais do recoñecemento oficial aos mellores expedientes académicos, levan aparellados unha dotación económica dun máximo de 3.000 euros.

En total poderán concederse ata seis premios, a razón de 2 para as ensinanzas superiores de Música, outros 2 para ensinanzas superiores de Deseño, 1 para ensinanzas superiores de Arte Dramática e outro para ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Entre os requisitos (que poden consultarse no DOG) cómpre salientar ter finalizado os estudos das titulacións artísticas antes sinaladas no curso 2018-19 cunha puntuación media no expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos. Os interesados deberán formular as solicitudes de xeito exclusivamente electrónico na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou polo sistema Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

EASD Pablo Picasso, de longa tradición

Durante a súa visita a EASD Pablo Picasso, a conselleira Carmen Pomar destacou o alto grao de prestixio e profesionalidade desta Escola, así como a súa longa tradición histórica, xa que nela estudou os primeiros cursos Pablo Picasso antes de trasladarse a vivir a Barcelona.

Na actualidade a escola, que conta con 469 alumnos matriculados, oferta os Estudos Superiores de Deseño (título equivalente a grao universitario), Ensinanzas Profesionais de artes Plásticas e Deseño e Ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño nos ámbitos da Fotografía; Dourado, Prateado e Policromía; Escultura aplicada ao espectáculo; Técnicas Escultóricas, Cerámica Artística e Ilustración.