40 alumnas e alumnos de Bacharelato e grao superior de FP, galardoados cos Premios Extraordinarios aos mellores expedientes académicos

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, presidiu a entrega dos premios

Trátase de 13 mulleres e 7 homes no caso de Bacharelato e 11 mulleres e 9 homes no caso das ensinanzas de Formación Profesional, que representan a excelencia do sistema educativo galego

Ven, 14/02/2020 - 12:08
40 alumnas e alumnos de Bacharelato e grao superior de FP, galardoados cos Premios Extraordinarios aos mellores expedientes académicos

Un total de 40 alumnas e alumnos de Bacharelato e de Grao Superior de Formación Profesional recibiron hoxe os Premios Extraordinarios cos que a Xunta de Galicia recoñece cada ano os mellores expedientes académicos nestas ensinanzas correspondentes ao pasado curso 2018-19.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, que esta mañá presidiu o acto de entrega dos recoñecementos, avogou por “consolidar a cultura do esforzo, esa que trae da man a mellora da calidade educativa” que representan as e os estudantes galardoados, a quen expresou as súas felicitacións.

Carmen Pomar destacou a calidade da educación superior en Galicia, “un sistema de vasos comunicantes onde o alumnado que remata os ciclos formativos de grao superior ten acceso directo aos estudos universitarios relacionados coa profesión cursada; e onde o prestixio destes estudos no mercado de traballo fai que os estudantes da universidade elixan tamén cursar ciclos formativos de grao superior unha vez rematada a súa carreira”. Isto é, itinerarios formativos diferentes “pero cun obxectivo común: a inserción nun mercado laboral en constante e rápido cambio”, abondou.

A Consellería de Educación convoca cada ano estes galardóns co fin de recoñecer o esforzo, traballo e aproveitamento académico dos estudantes que rematan a etapa de Bacharelato ou de Grao Superior de FP nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, a razón de 20 premios por cada unha das modalidades destas ensinanzas; e enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Consellería para a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego.

No caso de Bacharelato, os galardoados foron 13 mulleres e 7 homes que, entre outros requisitos, obtiveron unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos, e superaron unha proba específica para tal fin. Foron galardoados cun diploma acreditativo e un premio económico de 1.000 euros. O listado dos premiados pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

No caso dos ciclos de Grao Superior de FP, os premios extraordinarios recaeron en 11 mulleres e 9 homes -todos eles cunha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos-, que resultaron agasallados cun diploma acreditativo, 850 euros e o dereito a concorrer aos premios nacionais de formación profesional. O listado dos premiados pode consultarse no DOG.