Un cento de docentes de todas as etapas educativas participan nunha xornada de formación en igualdade

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron na apertura dos relatorios

Sáb, 29/02/2020 - 12:00
Un cento de docentes de todas as etapas educativas participan nunha xornada de formación en igualdade

Arredor dun cento de docentes de todas as etapas educativas participan hoxe nunha xornada de formación baixo o lema “Igualdade e retos en educación”, con relatorios sobre o papel das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico, no cine ou na literatura, así como talleres de boas prácticas sobre  os patios educativos e as maletas de igualdade, entre outros.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participaron na inauguración da xornada, que contou coa presenza da enxeñeira informática e coordinadora dos cursos INTEF (Instituto Nacional de Tecnologías y Formación de Profesorado do Ministerio de Educación), Lorena Fernández Álvarez; e da doutora e investigadora da Universidade de Valencia, Ana López Navajas; entre outras profesionais e docentes.

Na súa intervención, a conselleira Carmen Pomar subliñou que a tarefa de educar sen distinción de xéneros require dun “enfoque integral” no que debe colaborar o conxunto da sociedade. Neste senso, puxo en valor o espírito de colaboración entre os distintos departamentos da Administración autonómica, como é o caso da Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Igualdade, que deu lugar ao “I plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020” e que, segundo dixo, “permitiu o reforzo, tanto para o alumnado como para os docentes, da formación en igualdade de mulleres e homes, da non discriminación por identidade sexual, ou da necesidade de rexeitar e combater a violencia de xénero”.

Pomar reafirmou o compromiso do seu departamento coa equidade e coa educación, que se reflicte nunha firme aposta pola formación específica do profesorado -como é o caso desta xornada- e coa posta en marcha de accións concretas para o alumnado como son as materias de libre configuración autonómica Igualdade de Xénero, dirixida a estudantes de 1º e 2º de ESO, e Coeducación para o século XXI, para alumnado de 1º de Bacharelato.

A titular de Educación manifestou, así mesmo, a necesidade dunha evolución social e normativa aplicable ao sistema educativo “que demandan enfoques máis ambiciosos e integrais para situar a igualdade como un elemento consubstancial á organización educativa”, cuestións para as que a formación do profesorado resulta imprescindible.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade incidiu na necesidade de promover a igualdade de xénero no ámbito educativo e concienciar ao alumnado de que cada un pode ser o que queira ser sen importar ser muller ou home. López Abella resaltou que a educación en igualdade e un modelo educativo que fomente a equidade entre mulleres e homes contribúe a impulsar o cambio de valores, así como a eliminar os prexuízos e estereotipos que sustentan a desigualdade de xénero. Nesta liña, reafirmou o compromiso do Goberno galego coa igualdade de oportunidades e para recoñecer o traballo das mulleres que se adiantaron ao seu tempo e inculcaron estes valores.