A Consellería de Educación licita por 935.000 € a obra de rehabilitación integral do CEE Infanta Elena (Monforte de Lemos)

Lun, 27/04/2020 - 11:39

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe na plataforma Contratos de Galicia a licitación da obra de rehabilitación integral do Centro de Educación Especial Infanta Elena (Monforte de Lemos), por importe de 934.836,72 €. O prazo de presentación de ofertas remata o día 18 de maio e o de execución das obras será de 3 meses.

O obxectivo é poder iniciar os traballos no verán e compatibilizalos a partir de setembro co novo curso escolar, sempre baixo as máximas condicións de seguridade e respectando as indicacións das autoridades sanitarias. A obra é susceptible de cofinanciación polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

As obras de rehabilitación integral comprenden unha parte dirixida á mellora da eficiencia enerxética do centro e outra na que se realizan traballos de diferente tipoloxía dirixidos á mellora da funcionalidade e estado das instalacións.

Neste caso para mellorar a eficiencia enerxética procederase ao illamento da fachada polo exterior mediante sistema SATE, así como do forxado baixo cuberta, ademais de á substitución da cuberta por unha nova de panel sándwich con acabado de chapa nervada de aceiro e illamento intermedio, con novos calóns e baixantes.

Así mesmo instalaranse fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, mudaranse as persianas por unhas novas de aluminio con illante térmico interior e colocaranse luminarias con tecnoloxía LED.

No referido ao resto de actuacións, o programa contempla diversas medidas para a mellora da accesibilidade do centro, como a execución de novas ramplas na zona de porche e reforma das existentes e a reforma integral do grupo de aseos de alumnado en planta baixa e primeira, así como dos vestiarios e aseos da zona residencial. Esta renovación incluirá solados, revestimentos, equipamento, fontanería, saneamento e, nalgúns casos, ventilación.

A maiores colocarase un novo pavimento de tarima nas aulas de psicomotricidade, fisioterapia e salón de actos; novos falsos teitos en varias aulas e espazos, entre eles o comedor; substituiranse algunhas portas interiores e pintaranse os paramentos.

Por outra banda, ampliarase a porta de acceso á parcela para facilitar a entrada de autobuses de transporte escolar e dotarase dun novo pavimento tanto a explanada de aparcadoiro e paradas de buses como as beirarrúas perimetrais.