A Consellería de Educación licita por 850.000 € a obra de rehabilitación integral do CEE Miño (Ourense)

Lun, 27/04/2020 - 11:43

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe na plataforma Contratos de Galicia a licitación da obra de rehabilitación integral do Centro de Educación Especial Miño (Ourense), por importe de 849.998,89 €. O prazo de presentación de ofertas remata o día 18 de maio e o de execución das obras será de 3 meses.

O obxectivo é poder iniciar os traballos no verán e compatibilizalos a partir de setembro co novo curso escolar, sempre baixo as máximas condicións de seguridade e respectando as indicacións das autoridades sanitarias. A obra é susceptible de cofinanciación polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

As obras de rehabilitación integral comprenden unha parte dirixida á mellora da eficiencia enerxética do centro e outra na que se realizan traballos de diferente tipoloxía dirixidos á mellora da funcionalidade e estado das instalacións.

Neste caso para mellorar a eficiencia enerxética procederase ao illamento da fachada mediante perlas expandidas de EPS, así como á colocación de panel de lá de roca sobre forxado baixo cuberta na zona do salón de actos. Así mesmo colocarase unha nova cuberta de panel sandwich de chapa de aceiro galvanizado lacado, con illante intermedio, e instalaranse novos canlóns e baixantes de aceiro prelacado.

Ademais substituiranse as fiestras que non foron renovadas anteriormente por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Tamén se substituirán as persianas, que se disporán de aluminio con illante térmico interior.

No referido ao resto de actuacións, o programa contempla cubrir parte do patio exterior con panel sandwich, ampliar o comedor e a biblioteca, mudar os radiadores e acometer a reparación e pintado dos paramentos. Así mesmo, colocarase falso teito con paneis acústicos autoportantes de lá de roca no salón de actos e instalaranse, ao tempo,  luminarias LED empotrables.

Tamén se executarán outras reformas interiores en tabiques, para mellorar a distribución funcional do edificio, adaptaranse as varandas e realizaranse melloras na instalación de saneamento e na sala de calefacción.