Educación licita por case 900.000 € a rehabilitación integral do CEIP Ramón de Artaza y Malvárez (Muros)

O obxectivo é comezar as obras durante o verán

Lun, 04/05/2020 - 16:10

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar na plataforma de Contratos de Galicia a licitación da obra de rehabilitación integral do CEIP Ramón de Artaza y Malvárez (Muros), por un importe total de 892.379,99 €. Está previsto executar os traballos de interior en verán e compatibilizar o remate dos de exterior coa actividade docente. As obras teñen un prazo de execución de 3 meses e son susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

As actuacións contemplan unha parte programada de xeito específico para a mellora da eficiencia enerxética do centro, a través do illamento polo exterior mediante sistema SATE, realizado con placas de illamento térmico de poliestireno expandido EPS, e sobre falso teito con paneis de la de roca na sala de audiovisuais e no comedor. Ademais cambiarase a cuberta por unha nova de panel sándwich de chapa de aceiro galvanizado con recheo de espuma de poliuretano no edificio principal, na sala de audiovisuais e no comedor, e colocaranse novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Tamén se substituirán as caixas de persianas e as persianas que se considere necesario por outras de aluminio con illamento térmico interior; e instalaranse novas luminarias con tecnoloxía LED, equipos de regulación e detectores de presenza en zonas comúns e aseos.

Por outra parte o programa de necesidades inclúe a reparación e pintado dos paramentos interiores, o pulido e abrillantado do pavimento de terrazo e a renovación dos falsos teitos das aulas da planta segunda e colocación de falsos teitos novos no resto de aulas e espazos docentes.

A maiores está prevista a reforma da antiga casa do conserxe para ampliación do comedor, con incorporación de aseo.