A Xunta de Galicia licita por máis de 1,2 millóns de euros a rehabilitación integral do IES Santa Irene (Vigo)

O obxectivo é comezar as obras no verán

Lun, 04/05/2020 - 16:15

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar en Contratos de Galicia a licitación da obra de rehabilitación integral do IES Santa Irene (Vigo), por un importe total de 1.265.487,82 €  . O prazo de execución da obra será de 7 meses, polo que se prevé comezala no verán e que continúe, coas máximas condicións de seguridade, durante o curso escolar. Os traballos son susceptibles de cofinanciación polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

As actuacións programadas divídense en tres tipos: as de mellora enerxética, as de mellora da accesibilidade e as de mantemento. No referido á eficiencia enerxética, substituiranse os materiais da actual cuberta, repararanse as fiestras de madeira e mudaranse as reixas das da planta soto e revisarase a carpintería de aluminio existente. Ademais instalarase nova iluminación LED, e calefacción e ventilación mecánica e drenaranse os muros exteriores baixo rasante.

Para mellorar a accesibilidade do centro instalarase un ascensor de baixo consumo, farase un novo acceso desde o espazo exterior ao semisoto e adaptaranse os aseos de todos os andares e os pasamáns das escaleiras.

Entre outros traballos de mantemento, repararanse as humidades e as fendas en paredes e teitos, así como o pavimento; pintarase todo o interior do inmoble e revisaranse as das fixacións da maquinaria do reloxo da torre. Os traballos aproveitaranse tamén para tapar o escudo franquista que existe na fachada do centro.