Educación orienta o novo currículo de FP en proxectos de edificación á construción intelixente e o respecto ao ambiente

A adaptación deste ciclo de grao superior permitirá dar resposta ás novas necesidades do sector

Xov, 15/09/2011 - 17:18

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptou o currículo do ciclo de formación de grao superior en proxectos de edificación co fin de orientar estas ensinanzas ás novas necesidades do sector no que respecta ao uso de novos materiais e ao respecto ao medio ambiente.

Deste xeito, o novo currículo, que recibiu hoxe o visto e prace do Consello da Xunta, prestará atención ás innovacións nas edificacións, orientadas á construción de edificios intelixentes que achegan solucións para mellorar o confort dos usuarios de vivendas. Ademais as renovadas ensinanzas permitirán formar profesionais cualificados para o uso de enerxías renovables e  técnicas que permitan a mellora da eficiencia enerxética en edificios e instalacións, para favorecer a evolución da construción cara a un modelo de desenvolvemento sustentable que evite a degradación ambiental.

Doutra banda, as ensinanzas deste ciclo preparan os futuros técnicos para a innovación no eido dos novos materiais, o uso de prefabricados, e a automatización dos procesos de execución. Ao mesmo tempo, os estudantes adquirirán competencias para satisfacer as necesidades da clientela canto a deseño, compromiso de calidade de produtos e materiais, procesos de execución e garantías das obras.

Os titulados nestas ensinanzas poderán exercer o seu traballo en postos de delineante de edificación, de instalacións e delineante proxectista de redes e sistemas de distribución de fluídos, maquetista de construción, técnico de control documentación, técnico de eficiencia enerxética de edificios ou especialista en trazas, entre outros.

Coa adaptación deste currículo xa son 41 os adaptados no que vai de lexislatura, no marco da estratexia de impulso da FP como unha porta de acceso ao emprego que está a desenvolver o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad.

Acceso ao mundo laboral

Ao igual que os restantes currículos adaptados pola Consellería, os hoxe aprobados inclúen un módulo de formación en centros de traballo con que os estudantes completarán a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo no ámbito produtivo da empresa, de acordo coas exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional

Deste xeito foméntase o acceso do alumnado ao mundo laboral, tal e como demostran os altos niveis de empregabilidade destas ensinanzas. De feito, segundo os últimos estudos ao respecto, o 88,8% dos titulados que realizaron formación en centros de traballo atopou o seu primeiro emprego en menos de 6 meses, o que confirma a FP como un sistema de oportunidades nestes tempos de crise económica.