Román Rodríguez destaca que 15 científicos de prestixio internacional se unirán ás universidades galegas nas vindeiras semanas

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela visitaron os laboratorios do CIMUS

A Xunta de Galicia vén de resolver a primeira convocatoria do Programa de Atracción e Retención do Talento dotado con 5 millóns de euros

As tres institucións académicas de Galicia contarán cunha inxección de case 14 millóns de euros para facer fronte aos gastos derivados da covid-19

Mér, 04/11/2020 - 14:04

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da USC, Antonio López, visitaron hoxe en Santiago os laboratorios do CIMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), onde o representante autonómico puxo en valor a aposta decidida que fai a Xunta de Galicia coa investigación e a innovación, así como a súa importancia para o desenvolvemento como sociedade e como país.

Durante a visita a un dos oito centros de investigación punteiros en Galicia, o titular de Educación destacou o compromiso do seu departamento coa carreira investigadora e anunciou que a Administración autonómica vén de resolver a primeira convocatoria do Programa de Atracción e Retención do Talento coa incorporación de 15 científicos cunha ampla e recoñecida traxectoria internacional en calidade de Investigador Distinguido, dez deles procedentes de fóra da Comunidade e outros cinco xa en Galicia.

Precisamente, a Universidade de Santiago de Compostela vai contar con catro destes científicos, dos cales dous desenvolverán o seu traballo no Instituto Galego de Físicas de Altas Enerxías (IGFAE), mentres que un estará no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) e outro no Departamento de Filoloxía Galega da USC. Ademais, na Universidade de Vigo serán sete os Investigadores Distinguidos (catro de Atracción e tres de Retención) e catro na UDC (tres de Atracción e un de Retención).

Este programa, ao que a Consellería destina un total de 5 M€, súmase ao de formación e retención de persoal investigador (con contratos predoutorais e posdoutorais) e ao apoio estable que a Xunta mantén cos grupos e estruturas de investigación, entre os que se atopan os oito Centros de Investigación, todos eles axentes científicos punteiros e recoñecidos tanto a nivel nacional como internacional.

Esforzo para garantir a seguridade

Ademais do impulso aos investigadores, o conselleiro referiuse tamén ao reforzo do apoio da Xunta de Galicia ás universidades galegas cunha inxección de case 14 M€ para facer fronte aos gastos derivados do contexto covid no eido universitario.

Como explicou Román Rodríguez, isto permitirá paliar o sobreesforzo económico que agora mesmo están realizando as universidades para garantir a seguridade sanitaria. Neste marco, o conselleiro puxo en valor o grao de consenso acadado entre os equipos reitorais das universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) para o reparto destes fondos en beneficio do conxunto da comunidade universitaria.