A Xunta edita unha guía para que o alumnado galego continúe a ser referencia en concienciación fronte á violencia de xénero

Os conselleiros de Educación e de Igualdade presentaron hoxe a publicación

Segundo os últimos datos do informe PISA, os escolares galegos son os máis informados de toda España nesta materia

O documento ten por obxectivo axudar a detectar e atallar comportamentos de risco neste eido no ámbito educativo

Mar, 10/11/2020 - 14:17

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentaron hoxe a Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo, un documento elaborado polo Observatorio Galego da Violencia de Xénero que vai contribuír a que o alumnado galego continúe a ser referencia en concienciación fronte a esta lacra social. O documento, en concreto, deseñouse, redactouse e validouse no grupo sobre abordaxe da violencia de xénero coa mocidade desde o ámbito educativo.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que, segundo os últimos datos coñecidos do informe PISA, “os estudantes galegos son os máis informados de España nesta materia”, cun 93,6% de alumnos que afirma coñecer o tema e estar familiarizado con el.

Neste sentido, PISA sitúa os estudantes galegos tamén como unha referencia no que atinxe ao respecto polas persoas doutras culturas, “unha área na que España é líder a nivel mundial e a nosa Comunidade ocupa o segundo posto dentro de España”. Uns datos que, resumiu Román Rodríguez, “demostran que o sistema educativo galego non só forma bos profesionais, senón tamén boas persoas”.

O conselleiro de Educación explicou, así mesmo, que a guía presentada hoxe é un paso máis no traballo continuado que vén desenvolvendo a Xunta de Galicia neste eido, e que conta con acción como o Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020 ou a posta en marcha –no curso2017/18– do ciclo de FP de grao superior de Promoción de Igualdade de Xénero. Así mesmo, o sistema educativo galego oferta tres materias en estreita relación con este eido como son Igualdade de xénero (para 1 e 2º de ESO), Coeducación para o século XXI (en 1º de Bacharelato) ou Sociedade inclusiva (1º e 2º de ESO).

“Queda moito por mellorar pero podemos estar orgulloso do camiño feito até o de agora para situar o noso sistema educativo como un referente de inclusión, equidade e igualdade”, subliñou Román Rodríguez.

A titular de Emprego e Igualdade, pola súa banda, destacou o convencemento de que “o camiño para avanzar cara á igualdade e na loita contra a violencia de xénero é a educación” e reafirmou o compromiso da Xunta para consolidar un sistema educativo comprometido coa igualdade de oportunidades, sen estereotipos de xénero, baseado na educación en valores e no respecto e, libre de violencias machistas.

Lorenzana, ademais, resaltou que a prevención neste ámbito é clave e, por iso, indicou que as administracións deben poñer en funcionamento todos os recursos preventivos posibles como é ofrecer unha educación en igualdade e libre de prexuízos. “Desde a Xunta queremos previr e sensibilizar, visibilizar e crear conciencia social porque queremos unha sociedade construída sobre a liberdade, a tolerancia e o respecto”, engadiu.

Dirixido ao profesorado

A Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo será distribuída nos centros educativos de todos os niveis, principalmente en formato electrónico, aínda que se enviarán aos centros galegos 1.500 exemplares. Así, o documento está dirixido a todo o profesorado e a través da plataforma de Educación Educonvives calquera centro pode consultala e aplicala.

O obxectivo é abordar a violencia de xénero desde unha perspectiva integral, axudando aos estudantes a detectar e atallar comportamentos de risco neste eido a través dunha serie de orientacións básicas e información precisa sobre os sinais de alarma. Ao mesmo tempo, ofrece pautas de actuación e procedementos de intervención tanto nun primeiro momento como a medio e longo prazo, en coordinación cos servizos e recursos de atención especializada competentes.

A guía contempla catro supostos ou situacións que poderían darse, identificando os sinais de alarma que poden axudar á súa detección. Especifícanse ademais os esquemas de actuación das diferentes pautas de intervención que cada un deles require para abordalos de forma adecuada e eficaz.

A maiores a guía achega recomendacións, facendo fincapé na educación para a igualdade como o recurso máis potente para a prevención deste tipo de violencia, así como estratexias de comunicación para reunións e entrevistas ante posibles casos, tanto coa vítima e a súa familia como co presunto agresor e a súa familia.

Por outra banda, inclúese tamén unha compilación de recursos existentes no eido da loita contra a violencia de xénero, tales como o Teléfono da Muller ou os Centros de Información á Muller (CIM), entre outros.

O documento complétase cunha serie de fichas que permitirán rexistrar a información de cada caso, para a súa remisión a aqueles servizos ou instancias que teñan competencia na súa resolución, co gallo de asegurar a necesaria coordinación institucional entre a administración educativa, sanitaria, sociocomunitaria, policial e xudicial.

A Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo sistematiza, polo tanto, as accións que deben desenvolver os centros de ensino nestes casos, facilitando o traballo do persoal que traballa neles diante destas situacións, así como a súa rápida actuación. Deste xeito, pretende ser unha ferramenta práctica que contribúa á prevención e á erradicación da violencia de xénero desde o sistema educativo. Na elaboración deste documento participaron tres mesas de traballo nas que estaban representadas todas as institucións e entidades que conforman o Observatorio Galego da Violencia de Xénero.