A Xunta convoca os Premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación na FP

O obxectivo é potenciar a transferencia de coñecemento entre centros e empresas, así como o fomento do emprendemento

Mar, 01/12/2020 - 16:35

A Xunta de Galicia vén de convocar os premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da formación profesional. O obxectivo destes galardóns da Consellería de Cultura, Educación e Universidade é potenciar as iniciativas innovadoras, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, procurando a calidade e a excelencia na formación profesional, e o fomento do emprendemento.

A dotación orzamentaria dos premios ascende a 800.000 euros. Entre os criterios para escoller os proxectos está o seu carácter innovador, o seu nivel de impacto no contorno produtivo e grao de transferencia á empresa, a súa aplicación práctica á aula e utilidade para outros centros educativos e a súaa capacidade para abrir oportunidades laborais ou a participación activa do alumnado. Terase en conta tamén a colaboración activa doutros centros, empresas ou institucións da contorna.

Así mesmo, valoraranse especialmente os proxectos que favorezan o acceso da muller aos perfís relacionados con profesións STEAM e actividades industriais, así como o acceso dos homes a sectores que contan con escasa representación masculina; e os que fomenten a aparición de novas iniciativas empresariais, especialmente aquelas que sexan susceptibles de pórse en marcha na Rede galega de viveiros de empresa.

Modalidades

A convocatoria estrutúrase en dúas modalidades. Á primeira delas, A, vai dirixida a proxectos de Innovación tecnolóxica ou científica, que redunden na mellora de procesos de produción ou de prestación de servizos e que estean orientados a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o contorno produtivo. Ademais, estes proxectos deben ter unha incidencia significativa na futura inserción laboral do alumnado e na súa empregabilidade, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais.

Pola súa banda a modalidade B vai dirixida a proxectos de Innovación Didáctica, que teñan como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais. As iniciativas deberán estar orientadas á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas, e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, favorecendo o desenvolvemento de entornos virtuais de aprendizaxe. Potenciarán, así mesmo, o deseño de materiais didácticos, deseño de prototipos ou simuladores, laboratorios para prácticas ou maquetas, aplicacións informáticas, etc. Ademais, eses materiais deben ser doadamente trasladables a outros centros onde se impartan as ensinanzas para as que foron deseñados.

Esta convocatoria enmárcase no impulso da Xunta de Galicia ás iniciativas que vencellen de forma estreita a FP e o tecido socioprodutivo e que favorezan a transferencia da innovación xerada nos centros de Formación Profesional á contorna produtiva, incrementando a competitividade das empresas, algo moi importante no contexto da covid-19.