A Xunta licita por preto de 293.000 € a mellora das instalacións do IES Primeiro de Marzo de Baiona

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de iniciar a contratación das obras, que terán un prazo de execución de dous meses

Mér, 30/12/2020 - 13:12

 A Xunta de Galicia vai investir preto de 293.000 euros nas obras de mellora enerxética e funcional do IES Primeiro de Marzo, de Baiona, o que incidirá nunha mellor ventilación neste centro de acordo co protocolo covid.

A través do portal Contratos de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de iniciar a licitación desta obra de forma conxunta xunto coas do CEIP de Curtis e do IES Gonzalo Torrente Ballester (Pontevedra), todas elas cun prazo de execución de dous meses e un investimento que acada os preto de 800.000 euros entre as tres actuacións.

Neste IES procederase á substitución das carpinterías exteriores do edificio principal, tanto en aulas como en talleres e despachos, por outras novas carpinterías de aluminio con rotura de ponte térmica.

Ademais, co obxecto de aumentar a superficie de ventilación dos ocos, as ventás a instalar terán apertura oscilobatente. E tamén se instalarán persianas enrollables de aluminio. O orzamento de licitación desta obra é de 292.790 euros

Mellora de infraestruturas e equipamento

Esta obra enmárcase no obxectivo do Goberno galego de mellorar as infraestruturas e equipamentos escolares co obxectivo de acadar o máximo confort nas aulas, e para o cal o departamento educativo do Goberno autonómico ten programado obras por un importe de máis de 51 M€ en centros de toda Galicia.

Así, no marco do Plan de Reactivación do Sector Construción para a mellora dos Centros Educativos incrementouse en 30 millóns máis dos previstos inicialmente para este ano, co fin de favorecer a creación de emprego, especialmente entre as pequenas e medianas empresas.

 

Co novo investimento programáronse un total de 535 actuacións de obra e equipamento. As obras contemplan tanto rehabilitacións integrais e de mellora da eficiencia enerxética como ampliacións, traballos de Reforma, Ampliación e Mellora (RAM) e rehabilitacións sectoriais (sobre as problemáticas máis comúns nos centros: cubertas, carpintarías exteriores, iluminación...), entre outras.