A Xunta concede axudas para a realización da formación práctica en centros de traballo e en FP Dual a máis de 2.500 alumnos

O obxectivo desta acción é compensarlle parcialmente ao alumnado os gastos derivados destas actividades

Dom, 07/02/2021 - 11:44

A Xunta de Galicia vén de adxudicar o segundo prazo da convocatoria de axudas económicas para o alumnado que realizou no 2020 formación práctica en centros de traballo (FCT), incluído o alumnado que cursa a modalidade de FP Dual, da que son beneficiarios un total de 1359 estudantes. Xunto ás axudas do primeiro prazo, reciben estas axudas un total de 2530 alumnos.

O obxectivo desta liña de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade é compensarlle ao alumnado parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das devanditas actividades, que se desenvolven na empresa; ao tempo que se favorece a mobilidade transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países, o que permite a mellora das competencias lingüísticas e profesionais.

Cómpre salientar a dificultade engadida que supón a crise sanitaria derivada da covid-19 para a realización de prácticas e actividade profesionalizadora en empresas, tendo en conta que os meses de marzo a xuño son nos que sempre hai máis alumnado realizando a FCT. Neste sentido a Xunta quere resaltar o enorme esforzo realizado polos centros educativos para conseguir empresas para o seu alumnado, sobre todo naqueles sectores máis afectados pola pandemia. Do mesmo xeito, hai que destacar a gran implicación do empresariado galego facilitando o acceso do alumnado aos centros de traballo.

Para facilitar o desenvolvemento da FCT, a Consellería presentou tamén no primeiro trimestre unhas instrucións específicas, que recollen unha serie de mecanismos e alternativas a poñer en marcha en función do tipo de ensinanza, co fin de flexibilizar as condicións da formación práctica co obxectivo de darlle as máximas facilidades ao alumnado para que poida completar o seu currículo, sen mermar a calidade na adquisición de coñecementos e destrezas asociadas a cada título.

Modalidades

A convocatoria establece dúas modalidades, unha dirixida aos que realizan a formación dentro do territorio español e outra para os que a fan fóra do mesmo.

Na modalidade A, a contía da axuda depende de onde se realicen as prácticas. Así, o alumnado que realice a FCT ou a FP Dual dentro da súa comunidade autónoma recibe ata un máximo de 300 €, sempre que o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo ou o de residencia do estudante durante ese período. No caso do alumnado que realizou a formación fóra da comunidade autónoma, percibirá unha cantidade fixa de 200€ aínda que realice a FCT ou a FP Dual en varios centros de traballo.

A contía a percibir polo alumnado estableceuse en función do número de xornadas realizadas no módulo de FCT ou, no caso da FP Dual, do número de xornadas de permanencia na empresa. Concedéronse en total –nos dous prazos– 2495 axudas nesta modalidade, 373 delas para FP Dual. Ademais, un alumno acolleuse a ambas modalidades.

Na modalidade B a contía das axudas, as 34 restantes das concedidas, varía en función do país de destino. A axuda máxima nesta modalidade acadou os 1800 euros.