Xesús Vázquez Abad asegura na inauguración do curso da Universidade a Distancia de Ourense que con ela “cúmprese a vella arela educativa da igualdade de oportunidades”

No acto tamén estiveron presentes o alcalde da cidade de As Burgas e o presidente da Deputación de Ourense

Este ano o centro asociado ten matriculados ata o momento máis de 1.000 alumnas e alumnos que desenvolverán, entre outros, estudos nos 25 títulos de grao ofertados

Mér, 19/10/2011 - 20:05

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou no acto de inauguración do curso da Universidade a Distancia 2011-2012 no centro asociado de Ourense. Un evento que tivo lugar no centro de desenvolvemento de Caixanova na cidade das Burgas.

No presente curso universitario, este centro xa ten matriculados nestas datas máis de 1.000 estudantes. Deles máis de 100 pertencen ao curso específico de acceso para maiores de 25 anos; outros 600 comezan o primeiro curso dun dos 25 títulos ofertados, e entre os que este ano destaca a incorporación de Ciencias Xurídicas e da Administración. Ademais 280 matriculados continuarán nas licenciaturas e diplomaturas que xa viñan cursando; e 40 estudantes pertencen aos cursos de pos grao. A todos eles haberá que engadirlles as futuras alumnas e alumnos de curso específicos. Cómpre sinalar que o prazo de matriculación para licenciaturas seguirá aberto ata o 25 deste mes, os graos ata maña, e para o curso de acceso o prazo continúa ata o 27 de outubro.

Pola súa banda durante a súa intervención o conselleiro recordou que con 39 anos de experiencia a UNED é sinónimo do que “se cumpre o vello anhelo educativo da igualdade de oportunidades para todas as persoas interesadas no acceso á educación superior. E isto, que xa de por si é un fito, ten na súa base outro éxito: o de romper coas barreiras espaciais e temporais da universidade presencial”.

A UNED á vangarda

Asemade dixo que “a UNED colocouse á vangarda da educación non presencial ao poñer a disposición da comunidade educativa todos os medios tecnolóxicos ao seu alcance, para situala como pioneira no uso das tecnoloxías da información”, ademais sinalou que “a UNED é e seguirá sendo a opción para todos aqueles que teñen un soño e loitan para facelo realidade”.

Cómpre recordar a estreita colaboración existente entre a Consellería e a UNED, tal e como quedou comprobado cos convenios asinados neste curso: para realizar prácticas do máster universitario en formación do profesorado, para actividades de formación permanente deste e para realizar o practicum dos títulos de Psicoloxía, Psicopedagoxía, Pedagoxía e Educación Social.

As intervencións

No acto tamén participaron o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez Fernández, que tamén é o Vicepresidente do Consorcio do Centro Asociado, que a súa vez está presidido por José Luis Baltar Pumar.

O secretario do centro asociado en Ourense, Julio Prada Rodríguez, foi o encargado de abrir o acto coa lectura da Memoria Académica do Curso 2009-2010. Tras a súa intervención interveu o profesor titular de Arqueoloxía da Universidade de Vigo e titor da UNED-Ourense, Fermín Pérez Losada, cuxo relatorio xirou en torno a “O valor simbólico do Patrimonio Arqueolóxico”. Ao remate cedeuse a palabra ao vicerreitor de centros da UNED, Antonio Conde Fernández, en nome dos recen titulados da UNED de Ourense.

Tras a intervención de todos eles realizouse unha entrega simbólica de diplomas a unha representación dos estudantes que remataron os seus estudos na UNED no curso 2010-2011. Todos os asistentes gozaron tamén da actuación da coral “Camerata Auriense” que incluíu no seu repertorio o Gaudeamus.